Skip to main content

Down Compostela inaugura o luns a exposición fotográfica Miradas

De dereita a esquerda, Rafa Pasadas, Cristina Villar, Francisco Durán, Juan Martínez e Pamela Casagrande
De dereita a esquerda, Rafa Pasadas, Cristina Villar, Francisco Durán, Juan Martínez e Pamela Casagrande
Poderá visitarse no Colexio de Fonseca do 15 ao 23 de outubro

“Unha sociedade onde non temos cabida todos e todas é unha sociedade fracasada”. Con estas palabras presentou este mércores o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, a próxima exposición que albergará o Colexio de Fonseca da USC. Miradas, unha iniciativa da Fundación Down Compostela, demostrará entre os días 15 e 23 de outubro que entre as persoas con e sen discapacidade son moitas máis as semellanzas que as diferenzas. Ademais da exposición, que se inaugurará o luns ás 20.00 horas, esta iniciativa de Down Compostela inclúe tamén a edición do Calendario 2013 e unha campaña de comunicación para sensibilizar a sociedade e recadar fondos, e que se complementa coa impresión da mesma mensaxe nas participacións de lotería que a Fundación ten xa á venda. As actividades presentáronse este mércores nunha rolda de prensa na que ademais do vicerreitor interveu o presidente da Fundación organizadora, Juan Jesús Martínez. Falaron tamén Pamela Casagrande e Cristina Villar, dúas das mozas que participaron como modelos, e o fotógrafo Rafa Pasadas, para quen esta “moi enriquecedora” experiencia lle permitiu traballar “nunha realidade descoñecida para o común da xente pero ao fin e ao cabo que forma parte do noso mundo”. Na exposición participaron os fotógrafos profesionais Cristina de Middel, Óscar Dacosta, Rafa Pasadas, Moncho Rivadulla e Luis Díaz que de maneira altruísta aceptaron o reto de reflectir a súa particular forma de ver as persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual. Como explicou Juan Martínez, “todo depende da nosa particular forma de ver e mirar os demais”. Miradas está formada por 27 fotografías, en tamaño 30x45 centímetros, agrupadas nas cinco temáticas que conforman o proxecto do mesmo nome posto en marcha este ano por Down Compostela. Cristina De Middel reflectiu algunhas das actividades que realizan os más pequenos que acoden habitualmente á Fundación Down Compostela. Óscar Dacostamostra a autonomíadas persoas con Síndrome de Down. Moncho Rivadulla captou a expresividade e entusiasmo dalgúns nenos e nenas en clases de música e a súa capacidade creativa. Rafa Pasadasensina como a vida en parella tamén é unha realidade para moitas persoas con discapacidade e Luis Díaz fotografou as diferentes e variadas afeccións que teñen os protagonistas desta exposición. A exposición poderá visitarse en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas de luns a sábado. Posteriormente, a exposición percorrerá algúns dos municipios da comarca antes de regresar de novo a Santiago. Calendario 2013 e Lotería Cunha selección de 12 das 27 fotografías do proxecto Miradas, a Fundación elaborou o Calendario 2013 Down Compostela, co que espera recadar fondos (o seu custe é de 5 euros) para seguir traballando para mellorar a calidade de vida das persoas con Síndrome de Down. Coa mesma finalidade e prezo, están xa á venta participacións da lotería de Nadal do número 65.682. Pamela Casagrande e Cristina Villar O presidente de Down Compostela fixo alusión ás dúas mozas que o acompañaban na rolda de prensa. “Cristina e Pamela non son moi diferentes a outras rapazas da súa idade”, explicou. Pamela acaba de encontrar un traballo en Limpiezas Salgado, encargándose de limpar o local da Fundación. Pola súa banda, Cristina segue formándose á espera de encontrar unha oportunidade laboral. “As persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual son conscientes de que necesitan apoios, pero a elas tamén lles gusta estudar, divertirse, traballar e, a moitas, por non dicir a todas, lles gustaría formar una familia… Como a calquera de nós. Pídennos unha oportunidade, que lles deixemos demostralo, sen poñerlles trabas” , concluíu Juan Martínez.

The contents of this page were updated on 10.10.2012.