Skip to main content

A Confederación Galega de Empresarios da Madeira apoia o Master en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC

A Confederación Galega de Empresarios da Madeira apoia o Master en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC
A Confederación Galega de Empresarios da Madeira apoia o Master en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC
É o único posgrao universitario de España centrado nas posibilidades da madeira como material de construción

A Confederación Galega de Empresarios da Madeira (Confemadera Galicia) colaborará coa Universidade de Santiago na realización do Master en Enxeñaría da Madeira Estrutural, posgrao propio da USC que xa vai pola súa terceira edición. Así o confirmaron este martes en San Xerome o reitor Juan Casares e o presidente da confederación, Elier Ojea Ureña, que estiveron acompañados na sinatura do acordo do coordinador do máster, o catedrático de Enxeñaría Agroforestal Manuel Guaita. Este posgrao, organizado pola Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (PEMADE) da USC e impartido na Escola Politécnica Superior de Lugo, é o único de todo o panorama universitario español centrado nas posibilidades da madeira como material de construción; en concreto, especializa en cálculo e deseño de estruturas de madeira para edificación tanto arquitectónica como rural e para proxectos de obra civil. Segundo explicou Elier Ojea no acto de sinatura, a USC é “un aliado vital para investigar en mellora xenética, impulsar a tecnoloxía no sector e difundir o coñecemento sobre a madeira, un sector estratéxico para Galicia”. De aí que Confemadera Galicia, que representa a máis de 3.000 empresas que facturan 1.700 millóns de euros e xeran 20.000 empregos directos e 50.000 indirectos, decida apoiar economicamente este posgrao, “titulación de referencia no sector en toda España”, dixo. Trátase, asegurou o reitor, de “convencer á sociedade das capacidades dun dos primeiros recursos naturais da nosa terra”. O máster diríxese a enxeñeiros e arquitectos que queiran completar a súa formación “nun material que logo de pasar a un plano secundario durante o século pasado, está a converterse no elemento de construción máis representativo do século XXI, polo valor engadido que proporciona -calidez, beleza, resistencia, nobreza...- e pola redución da contaminación e do impacto ambiental que supón o seu uso”, segundo afirmou Manuel Guaita. Neste punto coincidiu tamén Elier Ojea, para quen a madeira e os seus produtos son o futuro no ámbito arquitectónico. “A tecnoloxía e a innovación dotounos das mellores prestacións técnicas de resistencia e durabilidade, por iso son máis resistentes e mellor illantes que outros materiais”, engadiu. O posgrao O curso ten unha duración de 500 horas e distribúese en 15 módulos, con materias que van desde o coñecemento da madeira como material de construción, o cálculo estrutural, o deseño de estruturas e o CAD aplicado á madeira ou a realización práctica con software de cálculo de proxectos de edificación e pontes de madeira. Máis de 50 docentes, tanto da USC como doutras universidades, da Administración ou do ámbito empresarial compoñen o cadro de profesorado.

Durante o máster, que se desenvolverá os xoves, venres e sábados, están programadas visitas a obras e empresas relacionadas coa industria da madeira. Nesta terceira edición, e por primeira vez, contémplase a posibilidade de impartir a distancia parte das clases, co fin de evitar algúns dos desprazamentos do alumnado procedente doutras comunidades.

The contents of this page were updated on 10.16.2012.