Skip to main content

Un total de 64 participantes competirán por captar a mellor imaxe no XVIII Maratón Fotográfico do Campus de Lugo

A actividade, encadrada no programa Lugo Cultural 2012, desenvólvese entre os días 30 e 31 de outubro

Un total 64 participantes realizaron a súa inscrición para a décimo oitava edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, que se celebra o martes 30 de outubro dentro das actividades do programa Lugo Cultural 2012. Dos 64 inscritos (unha cifra que supón incrementar en 20 o número de participantes con respecto á edición de 2011), 58 fixérono na modalidade de fotografía dixital, mentres que os seis restantes concursan na modalidade analóxica (dous en soporte a cores e catro en soporte en branco e negro). O día 30 ás 11.00 horas os participantes no maratón coñecerán os tres temas sobre os que deben realizar as fotografías, que terán que ser entregadas á organización antes das 14.00 horas do día 31 de outubro. Establécense dúas modalidades: fotografía dixital e analóxica, entre as que os participantes tiveron que elixir, pois só puideron presentarse a unha delas. Por primeira vez, as fotografías poden presentarse tanto en branco e negro como en cor. Este ano a contía dos premios increméntase ata os 250 euros para a mellor fotografía de cada un dos tres temas propostos e un premio especial de 400 euros (que leva o nome do fotógrafo Carlos Valcárcel) para a mellor colección de fotografías dun mesmo autor nos tres temas propostos. Como nas edicións anteriores, ao remate do certame a organización editará un catálogo coas fotografías gañadoras e unha escolma de entre o resto de imaxes presentadas a concurso. O Maratón Fotográfico configura unha das actividades máis consolidadas e con maior éxito das que se promoven desde o programa Lugo Cultural, do que forman parte, ademais da USC, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia. Para esta actividade cóntase tamén coa colaboración do grupo cinematográfico Fonmiñá.

The contents of this page were updated on 10.29.2012.