Paul Brassley e David Soto na USC, convidados polo Grupo de Investigación HISTAGRA
O Grupo de Investigación HISTAGRA retomou este xoves 4 as súas actividades para o curso 2012-2013 coa presentación dos dous investigadores convidados durante o último trimestre de 2012, Paul Brassley e David Soto Fernández, das Universidades de Exeter (Reino Unido) e Pablo de Olavide de Sevilla, respectivamente. A calidade, orixinalidade e o impacto internacional das investigacións desenvolvidas por ambos profesores e polos seus respectivos grupos de investigación aseguran o interese da súa presenza na USC. Nesta presentación o profesor Brassley ofreceu, a partir do texto British farming between the wars, unha visión panorámica da situación da agricultura e do mundo rural na Gran Bretaña do período de Entreguerras. Paul Brassley acadou o seu Bachelor of Science en agricultura e economía agraria na Universidade de Newcastle upon Tyne. De aí trasladouse á Escola de Historia Moderna da Universidade de Oxford onde, baixo a supervisión de Joan Thirsk, escribiu unha tesiña sobre a economía agraria do Noroeste de Inglaterra no período 1640–1750, traballo que posteriormente foi publicado na colección de Historia Económica Británica Moderna por Garland Press, conformando tamén a base do que sería o Volume V da Historia Agraria de Inglaterra e Gales. En 1974 foi nomeado lectureship en Economía Agraria no Seale–Hayne College de Devon, que máis adiante pasou a formar parte da Universidade de Plymouth. Entre 2004 e 2009 foi lecturer en Historia e Política Rurais na Escola de Xeografía da mesma Universidade. O seu mestrado céntrase na Economía Agraria e as Políticas Rurais, o que queda reflectido na publicación do seu manual A Economía Agraria e a PAC: unha introdución (Blackwell, 1997).