Skip to main content

O profesor Aureliano Malheiro analiza en Lugo a influencia do cambio climático no cultivo da vide

Aureliano Malheiro, xunto cos investigadores do GI1716 visitou as parcelas de Guímaro na Ribeira Sacra
Aureliano Malheiro, xunto cos investigadores do GI1716 visitou as parcelas de Guímaro na Ribeira Sacra
O grupo do investigador portugués realiza simulacións climáticas aplicadas á viticultura

Aureliano Malheiro, profesor do Departamento de Agranomía da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro (UTAD), desenvolve esta semana unha estadía no Campus de Lugo para intercambiar experiencias cos investigadores da USC no estudo do comportamento do CO 2 na videira ou co emprego de ferramentas de adaptación e mitigación dos efectos do cambio climático na viticultura, tanto a curto como longo prazo. A avaliación e estudo do cambio climático na viticultura foi xustamente o tema dunha relatorio presentado na EPS no seo do Seminario de Doutores do Máster de Enxeñaría para a o Desenvolvemento Rural, que organiza o grupo de investigación de referencia competitiva GI-1716. Na súa intervención, o profesor Malheiro amosou o comportamento dun conxunto de índices bioclimáticos (Huglin Index, Dry Index, ….) aplicados ao período actual, así como a súa utilidade nunha proxección futura de cambio climático, empregando un total de 16 modelos de simulación climática, cunha escala de aplicación de 20 km2. A evolución dos diferentes índices e o emprego combinado destes permitiulle definir cales son as zonas aptas para o cultivo da videira na Europa continental e a situación futura prevista. Segundo os datos presentados polo investigador portugués, dedúcese que no sur de España e Portugal as condicións de altas temperaturas e de seca causarán dificultades no desenvolvemento de determinadas variedades de vide, mentres que noutras zonas como a eurorexión Galicia-Norte de Portugal, poden verse favorecidas pola diminución do risco de enfermidades fúnxicas como o Mildiu, que hoxe en día supoñen un grave problema. Subliñan os investigadores ademais a importancia da predición da situación futura, xa que facilitará a adaptación das prácticas culturais e/ou variedades empregadas na actualidade á situación prevista de cara a un futuro próximo sen necesidade de agardar acontecementos. Como explicou na conferencia, outro resultado destacado ten sido a dificultade de interpretar os resultados dos modelos de predición climática en rexións como o Douro ou a Ribeira Sacra, zonas con presenza de microclimas diferentes en pouca distancia. O grupo do Profesor Malheiro acaba de implementar os modelos climáticos cun maior detalle empregando unha cuadrícula de 1 km2, acadando resultados mais finos no comportamento dos índices bioclimáticos, e polo tanto predicir situacións climáticas futuras, que nunha escala maior quedaban ocultas polo basto da escala empregada. Como explican os investigadores da EPS, estes mesmos resultados poderían ser aplicados en Galicia, permitindo así aos viticultores galegos coñecer as situacións climáticas nun futuro próximo, estudando o comportamento de novas variedades, implantando sistemas de rega e avaliando os seus efectos no produto final, a uva. O profesor Malheiro conta con ampla experiencia no campo da viticultura da rexión do Douro, tendo traballado coa modelización das relacións hídricas da vide, agrometeoroloxía, os efectos da rega, a influencia climática e as súas repercusión na fisioloxía da videira. Ademais conta con experiencia noutros cultivos como a pataca e o millo, entre outros cultivos de relevancia na zona norte de Portugal.

The contents of this page were updated on 12.13.2012.