Skip to main content

A sexta edición do Opus Monasticorum indaga nos intercambios e presenzas nos reinos hispánicos

Baixo o título ‘Encontros, intercambios e presenzas nos reinos hispánicos’, o grupo de investigación Iacobus (Proxectos e estudos sobre patrimonio cultural) desenvolve este ano a sexta edición do seu encontro científico Opus Monasticorum. Do 18 ao 20 de decembro as Facultades de Xeografía e Historia e de Filosofía acollerán relatorios e debates sobre como a historia da arte se nutre dun constante fluxo de correntes nas que a presenza de artistas doutras rexións, a chegada de ideas doutros lugares e o encontro de culturas diferentes fixo florecer novos conceptos artísticos, tamén na Península Ibérica e o resto de reinos hispánicos de ultramar. Nos tres días do encontro trataranse cuestións concretas como a xestión do patrimonio cultural da costa norte de Galicia, o turismo relixioso, exemplos de conservación de vilas como Betanzos ou Padrón, a emigración temporal de artistas galegos ou o panteón real da Catedral de Santiago, ata temas que teñen que ver co patrimonio cultural en Iberoamérica ou un repaso pola arquitectura relixiosa en diferentes rexións de España. O grupo Iacobus O grupo Iacobus da USC foi creado en 2004 para, ademais da súa propia vocación investigadora, servir de difusora da riqueza do patrimonio cultural galego a través de diversos proxectos nos ámbitos autonómico e estatal e en colaboración con institucións tamén do estranxeiro.

Os vinte integrantes do grupo desenvolve nas súas investigacións en campos asociados coa historia da arte e o patrimonio cultural, especialmente a xestión de bens, o comisariado e documentación para exposicións temporais e programas museográficos, a arte e a cultura xacobea, a arquitectura, e a paisaxe e as artes plásticas entre os séculos XVI e XXI.

The contents of this page were updated on 12.14.2012.