Skip to main content

O xurado do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural reúnese esta semana en Lugo

O fallo do galardón, impulsado pola empresa de subministros agrogandeiros e a USC, darase a coñecer o venres 14

O xurado do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural que promoven a USC e o grupo empresarial lucense Aresa, dará a coñecer este venres, 14 de decembro, o nome do gañador da décimo terceira edición, de entre todas as persoas e entidades que presentaron as nove candidaturas desta edición en forma de traballos de investigación, iniciativas emprendedoras ou traxectorias persoais e profesionais. O fallo do premio terá lugar durante a reunión do xurado, que se celebrara na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, e do que forman parte o reitor da USC, Juan Casares; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o reitor da Universidad de Extremadura, Segundo Píriz; Carlota López, conselleira de Aresa; e o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, quen actuará como secretario. Nesta ocasión a convocatoria inclúe como destinatarios do premio aqueles proxectos de creación de empresas orientadas á mellora do medio rural. Nos proxectos o xurado valora especialmente, ademais da súa orixe galega, o feito de que ofrezan produtos para Galicia, a súa capacidade para crear emprego, a súa viabilidade empresarial e a incorporación de elementos de investigación, desenvolvemento e innovación. Trece anos de traxectoria Na traxectoria deste galardón, creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001, polo seu estudo sobre os valores biolóxicos da Serra do Courel), a Aula de Produtos Lácteos (ano 2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores do premio foron a industria cárnica Novafrigsa (2000), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a empresa Ingapán (2009) ou a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga (2010). A título individual tamén recibiron este recoñecemento o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003), e os impulsores da queixería Casa Macán (2007). Na última edición de 2011 premiouse a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’.

The contents of this page were updated on 12.11.2012.