Skip to main content

Preséntase en Lugo a obra ‘Palabra viva. Galicia e Hispanoamérica’, sobre as creacións artísticas orais ás dúas beiras do Atlántico

Ana Chouciño e María Xesús Nogueira, da Facultade de Humanidades, coordinan un volume que recompila ensaios de especialistas nacionais e internacionais en literatura oral

O martes 18 ás 12.15 horas preséntase na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo a obra colectiva Palabra viva. Galicia e Hispanoamérica , coordinada polas profesoras da Facultade de Humanidades Ana Chouciño e María Xesús Nogueira. No acto de presentación participan, ademais das coordinadoras do volume, o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; a vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez López; a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey; e o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Juan Luis Blanco Valdés. O libro foi editado pola biblioteca da cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier da USC a través do Servizo de Publicacións da USC, e contou co financiamento da presidencia da Deputación Provincial de Lugo. Trátase dunha colección de ensaios de especialistas nacionais e internacionais en torno ás creacións artísticas de carácter oral ás dúas beiras do Atlántico. Palabra viva. Galicia e Hispanoamérica ofrece a oportunidade de coñecer as diversas manifestacións da literatura oral desde o seu aspecto máis xeral ata casos máis específicos e pouco coñecidos: “Guíanos o desexo de dar a coñecer a inmensa riqueza e a vixencia da literatura oral galega e da América hispana nun marco académico, e de que os lectores se familiaricen cos principais métodos de recollida e transcrición”, explican as coordinadoras do libro.

The contents of this page were updated on 12.17.2012.