Skip to main content

Comeza este martes a sexta edición do Opus Monasticorum, sobre os intercambios e presenzas artísticas nos reinos hispánicos

Baixo o título ‘Encontros, intercambios e presenzas nos reinos hispánicos’, o grupo de investigación Iacobus (Proxectos e estudos sobre patrimonio cultural) desenvolve a sexta edición do seu encontro científico Opus Monasticorum que se inaugura este martes ás 10.00 horas na Facultade de Filosofía nun acto presidido polo reitor Juan Casares. Participan tamén a coordinadora do simposio, Ana Goy; o decano da Facultade de Historia, coordinador do encontro e do grupo Iacobus, Juan Monterroso; o decano de Filosofía, Luis García Soto; e a vicedecana de Historia Mª del Carmen Rodríguez. As Facultades de Filosofía este martes e de Xeografía e Historia o mércores e o xoves acollerán relatorios e debates sobre como a historia da arte se nutre dun constante fluxo de correntes nas que a presenza de artistas doutras rexións, a chegada de ideas doutros lugares e o encontro de culturas diferentes fixo florecer novos conceptos artísticos, tamén na Península Ibérica e o resto de reinos hispánicos de ultramar. No encontro trataranse cuestións concretas como a xestión do patrimonio cultural da costa norte de Galicia, o turismo relixioso, exemplos de conservación de vilas como Betanzos ou Padrón, a emigración temporal de artistas galegos ou o panteón real da Catedral de Santiago, ata temas que teñen que ver co patrimonio cultural en Iberoamérica ou un repaso pola arquitectura relixiosa en diferentes rexións de España. O grupo Iacobus O grupo Iacobus da USC foi creado en 2004 para, ademais da súa propia vocación investigadora, servir de difusora da riqueza do patrimonio cultural galego a través de diversos proxectos nos ámbitos autonómico e estatal e en colaboración con institucións tamén do estranxeiro. Os vinte integrantes do grupo desenvolve nas súas investigacións en campos asociados coa historia da arte e o patrimonio cultural, especialmente a xestión de bens, o comisariado e documentación para exposicións temporais e programas museográficos, a arte e a cultura xacobea, a arquitectura, e a paisaxe e as artes plásticas entre os séculos XVI e XXI.

The contents of this page were updated on 12.17.2012.