Skip to main content

O Campus de Lugo entrega os premios aos mellores traballos do seu XVIII Maratón Fotográfico

Vista xeral do acto de entrega de premios do XVIII Maratón Fotográfico do Campus de Lugo
Vista xeral do acto de entrega de premios do XVIII Maratón Fotográfico do Campus de Lugo
A Facultade de Veterinaria acolle desde o día 11 e ata o próximo 8 de febreiro unha exposición cunha selección das fotografías presentadas ao certame

Os representantes das entidades que conforman o programa Lugo Cultural deron a coñecer na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria o nome dos gañadores dos premios da XVIII edición do Maratón Fotográfico organizado pola Área de Cultura da USC no Campus de Lugo. Así mesmo, procedeuse á presentación da exposición que se realiza a partir dunha seleccións das fotografías presentadas ao certame, e que permanecerá aberta ao público ata o próximo 8 de febreiro, de luns a venres entre as 9.00 e as 21.00 horas. Ao acto asistiron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón (membro do xurado); o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continúa, Francisco Durán Villa; a responsable de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre Vázquez; o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro Iglesias; a xefa do Servizo de Patrimonio Cultural da Delegación Territorial da Xunta de Galicia de Lugo, Ana María Carril Cuesta (membro do xurado); a vicedecana de Ordenación Académica e Estudantes da Facultade de Veterinaria, Izaskun Ibarguren; Carlos Valcárcel, fotógrafo lucense e membro do xurado (a quen se lle dedica un dos premios); e o fotógrafo coordinador do Espazo de Fotografía da USC, Eduardo Ochoa (membro do xurado). Tamén estiveron presentes os outros tres compoñentes do xurado: Benjamín Santín Carballada, profesor de debuxo xubilado; Encarnación Lago González, xerenta da rede de Museos de Lugo; e Lucila Yáñez Andión, responsable do departamento de Belas Artes do Museo Provincial de Lugo. O premio á mellor fotografía do tema A crise foi para Mª Vanesa García Villares pola fotografía ‘Desaloxo’; no tema O Lugo oculto o galardoado foi Diego Rodríguez Rodríguez, por ‘A vista da muralla’; e na categoría de tema libre o premiado foi Fabricio Stefanie Borges por ‘Sombra Veloz’. Cada un destes premios estaba dotado con 250 euros. Finalmente, o premio Carlos Valcárcel á mellor colección, dotado con 400 euros, recaeu en Adrián Outerelo Molina polas fotografías ‘ Intimidade anciá’, ‘Vai todo sobre rodas?’ e ‘Pechar a billa’. O certame Esta iniciativa, que se vén celebrando desde hai dezaoito anos, configura unha das actividades máis consolidadas e con maior éxito das que se promoven actualmente desde Lugo Cultural, no que participan a USC, o Concello e a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia. Fotógrafos máis ou menos profesionais ou afeccionados de dentro e fóra da comunidade universitaria participan habitualmente desta iniciativa, que os leva a buscar durante unha xornada a imaxe que mellor resuma os temas propostos pola organización, que nesta ocasión tivo como temas centrais a crise, o Lugo oculto, e un terceiro de carácter libre. O maratón desenvolveuse o pasado día 30 de outubro, cunha inscrición inicial de 64 persoas das que finalmente entregaron traballos 52. Trátase da participación máis elevadas de todas as edicións, e supón un incremento de aproximadamente un 40% con respecto á participación do ano anterior. Entre os participantes estaban estudantes universitarios dos distintos centros universitarios do Campus de Lugo (entre eles alumnos procedentes de Rusia, Brasil, Polonia ou China), alumnos da UNED, PAS e profesores universitarios, alumnos doutros centros da cidade de Lugo (como a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, a Escola de Imaxe e Son ou o IES Politécnico) ou ex-alumnos do campus. Por outro lado e respecto ao xénero, a relación entre mulleres e homes que participaron neste certame foi dun 37% de mulleres fronte a un 63% de homes. En canto á exposición, que se poderá visitar a partir do 11 de decembro na propia Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria, a organización fixo unha escolma de fotografías, de forma que todos os autores estivesen representados con algún dos seus traballos presentados ao certame. Seleccionáronse así, ademais dos seis traballos galardoados, unha fotografía por cada un dos autores participantes. O resultado son 54 fotografías de 52 autores, das cales 16 foron presentadas ao tema da crise económica, 17 ao tema Lugo Oculto e 21 pertencen ao tema libre. A sombra veloz A vista da muralla Desaloxo Vai todo sobre rodas? Intimidade anciá

The contents of this page were updated on 12.11.2012.