Skip to main content

A USC presentará as súas achegas para a reforma da PAC na Primeira Conferencia Agroforestal Europea de Bruxelas

A Federación Agroforestal Europea (EURAF), cuxa secretaria é a profesora da EPS Rosa Mosquera, entregará as súas propostas aos parlamentarios comunitarios

Os días 9 e 10 de outubro terá lugar en Bruxelas a Primeira Conferencia Agroforestal Europea, organizada pola Federación Agroforestal Europea (EURAF), cuxa secretaria é a profesora da Escola Politécnica Superior da USC no Campus de Lugo, Rosa Mosquera Losada. O encontro inclúe unha sesión cun grupo de parlamentarios comunitarios co obxectivo de facerlles chegar as propostas desta federación para a reforma da Política Agrícola Común (PAC) da Unión Europea, e que pasan pola incorporación dos principios da agrosilvicultura na redacción da futura normativa agraria comunitaria, que terá grande incidencia no sector primario ligado á terra de Europa durante o período 2014-2020. A EURAF é unha entidade á que pertencen arredor de 250 membros de 17 países comunitarios, e que ten como obxectivo promover a agrosilvicultura, é dicir, a integración de árbores nas explotacións agrarias e de animais en sistemas forestais (silvopastoreo) nas diferentes rexións bioxeográficas de Europa. Segundo os responsables da EURAF, “as prácticas agroforestais foron pasadas por alto nas anteriores reformas da PAC, o que deu como resultado a desaparición de miles de millóns de árbores en toda Europa por falta de apoio e pola axuda a outros tipos de sistemas produtivos nos que a agrosilvicultura nin sequera se contemplou como opción”. Vantaxes da agrosilvicultura A agrosilvicultura é a ciencia que estuda os sistemas agroforestais, cuxa esencia é a integración de árbores-cultivos, árbores-gando ou árbores-cultivos-gando na mesma superficie agraria e polo xeral ao mesmo tempo. Para os responsables da EURAF, os principios da agrosilvicultura pódense aplicar a todos os sistemas agrícolas e en todas as partes de Europa: “Os sistemas agroforestais obtéñense mediante a plantación de árbores en terras agrícolas ou, en senso contrario, a través da introdución da agricultura ou gandería nos sistemas forestais. Europa ten un patrimonio único de sistemas agroforestais tradicionais cun alto valor ambiental e cultural, e que hoxe en día posúen un gran potencial grazas á incorporación de estratexias e técnicas innovadoras que foron desenvolvidas polos centros de investigación en toda Europa”, afirma Rosa Mosquera, “e prescindir de todo isto na futura PAC sería desaproveitar un patrimonio produtivo, ambiental, cultural e social de séculos e un esforzo investigador de décadas”. A agrosilvicultura engloba sistemas sostibles de manexo do territorio agroforestal que achegan beneficios económicos, ambientais e sociais, xa que incrementan a renda dos habitantes do medio rural, acurtan o prazo de retorno económico dos investimentos (en comparación cos sistemas exclusivamente forestais), contribúen a fixar poboación e son beneficiosos para a contorna, pois supoñen unha redución do carbono na atmosfera, xa que os sistemas agroforestais son sumidoiros de carbono en maior medida que os sistemas agrícolas tradicionais. Entre as súas múltiples vantaxes están tamén a mellora da biodiversidade e a calidade das augas, a incidencia positiva na sanidade agroforestal, a boa adaptación á agricultura e gandería ecolóxicas, o importante papel que desenvolve na prevención de incendios forestais, a mitigación de inundacións, a redución da contaminación difusa e a erosión do chan, a protección dos cultivos e o gando contra riscos climáticos, a produción sinérxica dos cultivos e produtos forestais e mesmo oportunidades para crear servizos de apoio turístico e de caza silvestre. Propostas concretas A proposta da EURAF para garantir a presenza dos sistemas agroforestais na reforma da PAC para o período 2014-2020 é a percepción de axudas por parte dos agricultores que opten por estes usos do terreo. Serán logo os estados membros os responsables de establecer outras cuestións importantes, como por exemplo as especies arbóreas e o número mínimo e máximo de árbores, para adaptarse ás características específicas de cada país ou rexión. As subvencións destinadas a cada agricultor ou silvicultor poderían estimarse doadamente en función dos beneficios que suporía a integración de producións. “Coidamos que os pagos deberían apoiar o establecemento destes sistemas indistintamente en terreos agrícolas ou forestais (en cumprimento das normas legais de protección de terras e bosques) e que os custos de mantemento dos sistemas agroforestais de nova creación deberían abranguer un período mínimo de 10 anos; é dicir, non nos parece suficiente realizar soamente pagos directos ao establecemento, tal e como reflicte hoxe en día a PAC”, indica Mosquera. Programa da conferencia Durante os días 9 e 10 de outubro a Primeira Conferencia Agroforestal Europea reunirá en Bruxelas os principais expertos comunitarios (e doutras partes do mundo) neste ámbito. O encontro estrutúrase a través de seis sesións, con case medio cento de relatorios centrados nas experiencias desenvolvidas nos diferentes países, os aspectos máis novidosos neste ámbito, as tendencias cara ao futuro e o seu encaixe na reforma da PAC. A profesora Rosa Mosquera (xunto a Gerardo Moreno, da Universidad de Extremadura, e Antonio Rigueiro, da USC), será a responsable de facer a descrición dos principais avances nos estudos sobre sistemas agroforestais en España, como coordinadora do grupo de traballo de sistemas agroforestais da Sociedade Española de Ciencias Forestais. Presentará tamén aspectos concretos das investigacións desenvolvidas xunto ao profesor Rigueiro sobre a produción gandeira en masas de castiñeiro con porco celta ou en masas de cerdeiras para a produción de madeira de calidade con ovella. Ademais, explicará a importante diminución do risco de incendios en masas forestais galegas como consecuencia do pastoreo do sotobosque, os resultados obtidos da produción de pasto en masas de piñeiro radiata despois de dez anos de desenvolvemento das prácticas agroforestais e os efectos da fertilización con residuos orgánicos sobre a produción de pasto e do arborado e sobre as propiedades físicas e químicas dos solos.

The contents of this page were updated on 10.04.2012.