Skip to main content

A USC e a Nacional Autónoma de México lembrarán nun congreso os setenta anos de Cuadernos Americanos

As Universidades de Santiago de Compostela e Nacional Autónoma de México (UNAM) organizan o Coloquio Internacional ‘Setenta anos de Cuadernos Americanos: Migración e exilio español republicano (1942-2012)’. O encontro científico desenvolverase no Centro de Estudos Avanzados entre os días 9 e 11 de outubro. Ao longo das tres xornadas trataranse cuestións relacionadas coa revista internacional Cuadernos Americanos, fundada en 1942 por un grupo de intelectuais mexicanos e españois exiliados e dedicada á reflexión sobre temas e problemas de América Latina. Especificamente, docentes das Universidades de Compostela, A Coruña, Nacional Autónoma de México e Aix en Provence analizarán en diversos relatorios as colaboracións de Emilia Pardo Bazán na prensa americana, o exilio arxentino e mexicano de Rafael Dieste, o embaixador mexicano Gilberto Bosques e o seu apoio ao exilio español en Marsella, A lei de ciudadanía española no exterior ou a Biblioteca América da USC. Das universidades organizadoras levan o peso do coloquio a Rede de Investigadores en Demografía, Historia Económica e Migracións da USC (Grupo RIDHEM) –que presentará a súa achega ao estudo das migracións e o exilio en Galicia- e o Centro mexicano de Investigacións sobre América Latina e o Caribe. De aí que moitas das intervencións se centren na pegada do exilio, os retornados e as novas realidades migratorias.

The contents of this page were updated on 10.04.2012.