A camelia como produto comercial e atractivo turístico, temática dun dos cursos de verán da USC para o mes de setembro
Os días 6 e 7 de setembro próximos o salón de graos da Facultade de Bioloxía da USC acolle o curso de verán A camelia: influencia no desenvolvemento do sector viveirístico ornamental e o turismo en Galicia, organizado pola profesora da USC María Jesús Sainz Osés e Carmen Salinero Corral, da Unidade de Fruticultura e Ornamentais da Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Pontevedra). O xoves 6 a actividade comeza cun relatorio de María Jesús Sainz sobre a historia da camelia en Europa, logo da cal Pilar Vela Fernández, da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, falará sobre agrobiodiversidade e usos de especies de camelia. 'As camelias do futuro' é o título da intervención de Eusebio López Redondo, produtor e coleccionista de camelias, que pechará a sesión de mañá deste primeiro día. O propio Eusebio López será o encargado de dirixir na sesión de tarde un taller sobre propagación do xénero Camellia. Posteriormente o técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro Pedro Mansilla intervirá para falar sobre as enfermidades da camelia, e a xornada pecharase co relatorio de Rosa Pérez Otero, da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centrado na importancia do control das pragas da camelia en Galicia. O venres 7 a programación ábrese cun relatorio sobre a historia botánica de Camellia a cargo de Jesús Izco Sevillano, do Departamento de Botánica da USC. A ruta da camelia nos xardíns de Galicia será o tema da intervención de Carmen Salinero Corral, logo da cal José Ramón Castiñeiras Sobrido da Área de Congresos e Viaxes de Incentivos de Turgalicia, falará sobre o papel da camelia na marca turística de Galicia. A derradeira charla do encontro correrá a cargo de Enrique Argibay, de Viveros Denoy (Arzúa) e estará centrada nas estratexias de comercialización da camelia. O curso péchase o venres pola tarde cunha visita aos xardíns do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra).