Skip to main content

280 talentos matemáticos participan na selección de ESTALMAT-Galicia 2011

A proba celébrase este sábado na Facultade de Matemáticas

Un total de 280 estudantes de toda Galicia nacidos en 1998 e 1999 participan este sábado 28 nas probas de selección dos 25 estudantes da 5ª promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas que dirixe o catedrático de Matemática Aplicada da USC, Juan Viaño. Con esta iniciativa trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, pasalo ben ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade. O equipo docente que atende aos estudantes seleccionados está formado por 27 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas. Os estudantes participantes, 169 rapaces e 111 rapazas, proceden na súa maioría das provincias da Coruña (135) e Pontevedra (120), seguidas das de Lugo (13) e Ourense (12), tanto do ensino público como do privado. Con este número de inscritos o Proxecto ESTALMAT-Galicia consolida a súa andaina dende 2007 e sobrepasa a media dos 4 últimos anos. Chegan así a 1.200 os alumnos que teñen pasado pola Facultade de Matemáticas nos últimos catro anos para facer a proba de selección, e serán 125 os talentos que foron seleccionados para participar no programa. A proba, consistente na resolución de 6 problemas de distinto tipo, celebrarase a partir das 9:45 horas na Facultade de Matemáticas cunha duración de 2 horas e 30 minutos. Ao final, ás 12:45 horas, os participantes reuniranse para unha foto de grupo nas escaleiras da Facultade de Matemáticas aberta a todos os medios de comunicación. Durante a primeira parte da proba, os familiares dos estudantes asistirán a unha sesión informativa sobre o proxecto Estalmat-Galicia. As probas corríxeas de forma anónima un equipo de oito profesores, con dúas correccións independentes para cada problema, mentres que a preselección corresponderalle ao conxunto do comité. A lista alfabética dos 50 primeiros preseleccionados farase pública na páxina web do proxecto (www.estalmatgalicia.com) na terceira semana de xuño. Os primeiros 25 rapaces preseleccionados e os seus pais/nais/titores serán convocados a unha entrevista persoal, pois deberán adquirir o compromiso de acudir ás actividades que terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos. A organización corre a cargo do comité que preside Juan Viaño e a proba é coordinada polos profesores Victor Pollán, Mercedes Feijoo e Rosana Rodríguez. O Proxecto ESTALMAT-Galicia O Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia forma parte do Proxecto ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Conta co aval científico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e co patrocinio económico da Fundación Vodafone España, do Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC), da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, das Deputacións da Coruña e Lugo e do Concello de Guitiriz, ademais da infraestrutura achegada pola Facultade de Matemáticas da USC

Para acadar mais información sobre o proxecto as persoas interesadas poden dirixirse á web http://www.estalmatgalicia.com.

The contents of this page were updated on 05.27.2011.