Skip to main content

A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC participa activamente nunhas xornadas técnicas da CRUE en Sevilla

A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC participa estes días en Sevilla nun novo encontro da comisión sectorial da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) para a Calidade Ambiental, o Desenvolvemento Sostible e a Prevención de Riscos (CADEP). O programa da xuntanza, centrada no compromiso da universidade española co desenvolvemento sostible, inclúe a presentación dos resultados de diferentes proxectos impulsados dende os Ministerios de Educación e de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño así como da memoria de actividades dos últimos anos da CADEP. O papel da USC neste encontro é especialmente relevante dada a súa participación activa en tres iniciativas. Unha é a presentación, xunto coa Universidade Autónoma de Barcelona, dos resultados do estudo ‘Avaliación das políticas de sustentabilidade das universidades españolas’ no que tamén traballaron as Universidades Autónoma de Madrid, Miguel Hernández de Elche e Carlos III de Madrid. No marco do proxecto ‘Oportunidades do fomento da sociedade da reciclaxe nas contornas das universidades e outros espazos de ensinanza: o caso da recuperación e reciclado do papel’, realizado pola Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón, a USC presenta o seu sistema de reciclaxe en edificios universitarios. Por último, o Programa de préstamo de bicicletas da USC é un dos analizados no ‘Estudo sobre o uso e a promoción da bicicleta nas universidades españolas’. A asistencia a estas xornadas é unha mostra máis da participación activa da Oficina de Desenvolvemento Sostible en actividades de sustentabilidade e responsabilidade social promovidas por diferentes institucións. Precisamente nos últimos días a coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible, María Teresa Barral, presentou en Barcelona o proxecto USC en Transición no marco da xornada ‘Universidades en Transición. Transformacións para a sustentabilidade’ organizadas por Global University Network for Innovation.

The contents of this page were updated on 11.29.2011.