Skip to main content

Remata unha nova edición do congreso internacional en liña sobre química orgánica sintética coa participación de investigadores de 20 países

Organizábano os profesores da Facultade de Ciencias Julio Seijas e Mª Pilar Vázquez

300 participantes de máis de vinte países participaron ao longo deste mes de novembro no 15 International Conference on Synthetic Organic Chemistry, único congreso do ámbito da química mantido a través de Internet que este mércores chega ao seu fin. Esta é unha iniciativa que organizaron os profesores da Facultade de Ciencias Julio A. Seijas e Mª Pilar Vázquez Tato. O congreso, de carácter gratuíto, aborda campos relacionados coa Química Orgánica, tales como síntese, química biorgánica, química medicinal, produtos naturais, síntese asistida por microondas, química de polímeros, química supramolecular e química computacional. O programa desenvolveuse mediante un foro de discusión e mensaxes de correo electrónico coa participación de investigadores de Estados Unidos, España, Arxentina, Irán, India, Vietnam, Rusia, Portugal, Malasia ou Italia , entre outros. Máis alá da temática abordada, os organizadores do encontro subliñan as vantaxes das reunións en formato virtual ao non requirir gastos de desprazamento nin estancias, o que favorece unha interacción efectiva e sen custes. Neste senso, os responsables do comité organizador destacan o gran número de participantes de Asia, Europa oriental e Latinoamérica. Ademais, as comunicacións son editadas en CD-Rom e recollidas entre outras pola base de datos internacional Chemical Abstracts. O encontro está organizado por Molecular Diversity Preservation International, empresa especializada na edición de revistas científicas en liña, coa que a USC vén colaborando dende o ano 2002 na organización anual destes congresos electrónicos a través da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo e da Área TIC. O encontro contou ademais co apoio da Real Sociedade Española de Química e a Plataforma Suschem.

The contents of this page were updated on 11.30.2011.