A segunda edición do Curso de Innovación 360º da Fundación da Innovación Bankinter e a USC clausurouse este martes
Futuros valores do mundo empresarial e do emprendedurismo déronse cita en Santiago na segunda edición do curso de innovación 360º que organiza a Fundación da Innovación Bankinter en colaboración coa Universidade de Santiago. Trátase dun programa de formación, único pola súa natureza e método, dirixido a estudantes de últimos cursos e doutorandos que se implantou nas mellores universidades de España desde 2006. O curso clausurouse na tarde deste venres no Edificio Emprendia coa asistencia da vicerreitora de Persoal Docente e Investigador da USC, Carmen Fernández Morante, e do director xeral da Fundación, Juan Rosas. Interveu cunha conferencia o profesor Alfredo Bermúdez de Castro. Este ano académico participaron os estudantes máis destacados das facultades de Administración e Dirección de Empresas, Arquitectura, Bioloxía e Biotecnoloxía, Ciencias Políticas, Dereito, Farmacia, Filosofía, Informática, Enxeñaría Agrónoma, Enxeñaría Química e Química. A Fundación proporcionou o método, material, contidos e o profesorado experto, e pola súa banda a Universidade de Santiago de Compostela colaborou cedendo instalacións e recursos técnicos. As liñas mestras do curso baseáronse nun método innovador de análise de casos, a participación de profesorado formado por expertos internacionais e unha dotación de contidos de alto nivel. O obxectivo do programa é o desenvolvemento de capital intelectual; promover as habilidades que permiten xestionar a innovación en diferentes ámbitos, fomentar a actitude innovadora como fonte de vantaxes competitivas sustentables e impulsar o espírito. Nesta segunda edición participaron, entre outros, o patrón da Fundación e socio fundador de Madiva, Fernando Alfaro; o profesor de Enxeñaría Química da USC Juan Lema; o catedrático de Matemática Aplicada da USC, Alfredo Bermúdez de Castro; o director da Área Corporativa de Riscos en ISBAN (Grupo Santander), Rogelio Mainar; e o profesor compostelán Urbano Fra. Ademais, o curso contou cos Encontros Akademia, sesións especiais con relatores externos relevantes que contan a súa experiencia tanto persoal como profesional como emprendedores e empresarios. Nesta ocasión contouse co cofundador de Blusense, José Ramón García; coa patroa da Fundación Bankinter e catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, María José Alonso; e co fundador e ex presidente do Consello de Academias Canadianas, Peter Nicholson.