Skip to main content

As seis universidades da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal participarán no Trofeo Interuniversitario en barcos K4

As augas do río Miño ao seu paso por Valença-Tui serán o escenario, este sábado 1 de outubro, da segunda edición do Trofeo Interuniversitario Eurorrexional en Barcos K4 que organizan a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER), a Cámara Municipal de Valença e o Concello de Tui. Participarán equipos das seis universidades que conforman a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (A Coruña, Santiago, Vigo, Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro), nunha actividade que se deseñou a modo de iniciativa que funcione como unha nova ponte nas relacións entre as comunidades universitarias de ambos lados do río Miño. En modalidades masculina, feminina e mixta, os equipos competirán en barcos k4 en tres carreiras das que sairán as universidades vencedoras. A competición comezará ás 12:00 horas coa primeira das carreiras, estando as outras dúas programadas para as 12.20 horas e as 12.45 horas, respectivamente, todas elas con saída e chegada ao Centro Interfederado de Remo de Tui, dando a volta na Ponte Internacional, cunha distancia total de 1.000 metros. Actividades culturais Será un acontecemento aberto ao público que discorrerá paralelo a diversas celebracións e actividades lúdico-culturais desenvolvidas por alumnos universitarios da eurorrexión. Da USC, concretamente, acudirá o Espazo de Danza que realizará dúas intervencións, xunto ao que tamén estarán presentes, entre outros, a Vibratuna daUTAD e a tuna universitaria da Universidade de Porto, ademais dos Bomboémia da Universidade de Minho. O evento coincide este ano coa Festa das Tasquinhas de Valença polo que a gastronomía se unirá a unha festa deportiva e cultural interuniversitaria, á que tamén se van sumar numerosos establecementos con prezos populares en menús e aloxamentos.

Co seu deseño, os promotores pretende afianzar os lazos e fomentar a cooperación entre universidades, así como promover a práctica regular da actividade física en toda a poboación, como vía para a promoción da saúde e a socialización. As persoas interesadas poden acceder a imaxes e vídeos da primeira edición da competición na web http://fceer.org/regata/galeria/index.php?lg=gal.

The contents of this page were updated on 09.30.2011.