Skip to main content

A American Physical Society resalta un traballo de investigadores da USC sobre o bilingüismo como unha das principais noticias da semana no eido da física

O artigo, publicado en New Journal of Physics, acadou en once días un interese que só o 3 por cento dos textos logran nun ano

O artigo a ‘Importancia da similaridade interlingüística e bilingüísmo cando dúas linguas compiten’ dun grupo de investigadores de Matemáticas e Física da USC está a acadar unha grande resonancia internacional. De feito, a American Physical Society, que fai semanalmente unha escolma das principais noticias da física mundial, veno de destacar no seu resumo semanal, que se pode consultar no enlace web http://www.multibriefs.com/briefs/aps/aps030911.php. A este recoñecemento hai que engadir a alta difusión que a investigación está a ter tamén tras a súa publicación en New Journal of Physics. Segundo informou o editor desta revista ao profesor Jorge Mira, autor do texto xunto a Juan Nieto e Luís Seoane, o artigo superou en 11 días os 500 accesos. Esta cifra só a acadan un 3 por cento das investigacións publicadas na revista e nun período dun ano. O documento, ao que se pode acceder dende o enlace web http://iopscience.iop.org/1367-2630/13/3/033007, amosa que é posible a coexistencia de dúas linguas como o galego e o castelán, sempre e cando se produzan certas condicións de estabilidade. O traballo está asinado por un equipo que integran Jorge Mira, do departamento de Física Aplicada, o profesor de Análise Matemática Juan Nieto e o investigador Luís Seoane, que actualmente se atopa nunha estadía no Bernstein Center for Computational Neuroscience de Berlin. Así mesmo, está na liña de investigación iniciada hai cinco anos polo profesor Mira sobre a coexistencia de dúas linguas nun mesmo territorio como é o caso do galego e o castelán. Así, nun artigo do ano 2005 na revista Europhysics Letters, Jorge Mira xunto ao investigador Ángel Paredes, creara un modelo matemático que reproduce a evolución histórica do número de falantes de galego e castelán, ao tempo que proporcionaba un xeito de medir a distancia entre ambas linguas. Como resultados das simulacións, os investigadores alertaban sobre a posición de perigo do galego, aínda que a situación galego-castelán está preto das condicións de estabilidade que permitirían que a lingua galega sobrevivise no futuro, segundo este estudo.

The contents of this page were updated on 03.16.2011.