Skip to main content

O cine español na II República centra o XIII congreso da Asociación Española de Historiadores de Cine que dende este xoves se celebra en Ciencias da Comunicación

O produtor Enrique Cerezo, o director Gonzalo Suárez, o realizador Lorenzo Soler e o actor Germán Cobos recibirán as medallas de honra da AEHC

‘Aurora e melancolía. O cine español durante a II República (1931-1939)’ é o título do décimo terceiro congreso da Asociación Española de Historiadores do Cine (AEHC), que dende este xoves 10 reunirá a especialistas chegados de toda España e doutros países como Francia, Holanda ou México na USC. O simposio ten lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago ata o vindeiro venres, 12 de marzo, baixo o patrocinio da Universidade compostelá. O reitor Juan Casares presidirá a inauguración das xornadas, ás 12:00 horas no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, nun acto ao que asistirán, entre outros, Julio Pérez Perucha, presidente da AEHC, e a catedrática Margarita Ledo Andión, responsable do comité organizador. Ao longo deste tres días, recoñecidos especialistas nacionais e estranxeiros exporán un total de 35 relatorios e participarán en mesas redondas do cine e da cultura republicana como puntos de análise centrais. Así mesmo, procederase á entrega das medallas de honra da Asociación Española de Historiadores de Cine correspondentes aos anos 2009 e 2010. Nesta ocasión, resultaron galardoados os produtor e distribuidor Enrique Cerezo; o director Gonzalo Suárez; o actor Germán Cobos e o realizador Lorenzo Soler. Os catro asistirán persoalmente a recoller as súas medallas, en dous actos que terán lugar venres e sábado. O do día 12, no que se entregará os recoñecementos a Gonzalo Suárez e Lorenzo Soler terá lugar na Cidade da Cultura. Respecto á temática seleccionada para estas xornadas, o presidente da Asociación Española de Historiadores de Cine, Julio Pérez Perucha, sinala que “ o cine que se produce no período comprendido entre os anos 1931 e 1938 aparece como unha experiencia chea de fugaces singularidades”. Dáse ademais a circunstancia de que a celebración deste décimo terceiro congreso coincide coa conmemoración durante este ano do oitenta aniversario da II República, “polo que era de obrigado cumprimento que se sometera a consideración este período” explica o responsable da Aehc na web do congreso.

The contents of this page were updated on 03.09.2011.