Skip to main content

O investigador da USC Urbano Fra coordina un estudo sobre os principais riscos naturais para a sociedade galega

Urbano Fra, en primeiro termo, no acto de presentación celebrado en Fonseca coa asistencia de Juan Casares e Ignacio Machetti
Urbano Fra, en primeiro termo, no acto de presentación celebrado en Fonseca coa asistencia de Juan Casares e Ignacio Machetti
Os incendios forestais, as inundacións, as ondas de calor ou a exposición ao radón son analizados no libro ‘Riesgos naturales en Galicia: el encuentro entre naturaleza y sociedad’, presentado este...

Os riscos asociados aos fenómenos meteorolóxicos extremos, a erosión hídrica ou os efectos potenciais das microalgas nocivas en augas das rías galegas. Estes son algúns dos temas que, un total de 21 especialistas, baixo a coordinación do investigador da USC Urbano Fra Paleo, analizan en Riesgos naturales en Galicia: el encuentro entre naturaleza y sociedad. O volume presentouse este luns 7 de febreiro no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, nun acto presidido polo reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, e o director xeral do Consorcio de Compensación de Seguros adscrito ao Ministerio de Economía e Facenda, Ignacio Machetti Bermejo. Riesgos naturales en Galicia: el encuentro entre naturaleza y sociedad divídese en 15 capítulos, elaborados por 21 especialistas, entre os que se atopan, ademais do propio Urbano Fra, especialistas das universidades de Santiago, A Coruña, Politécnica de Madrid e Rey Juan Carlos; dos centros de investigación de Lourizán (Pontevedra), o Oceanográfico de Vigo e o Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Agroalimentaria e Meteogalicia. O texto busca achegar o coñecemento científico dende unha visión sistemática e integradora a partir de distintas disciplinas que estudan os riscos naturais de orixe xeolóxica, hidrometereolóxica e biolóxica, segundo explicou o editor e coordinador do estudo. De feito, o traballo trata de dar unha visión panorámica dos perigos existentes máis importantes, posto que a “ gobernanza do risco baséase no coñecemento de procesos históricos e da súa dimensións por parte dos investigadores”, segundo salienta o profesor Urbano Fra. “Debo sinalar que non existía un traballo que proporcionase unha visión global dos perigos existentes en Galicia”, engadiu o coordinador da obra, quen resaltou que no ano 2010 producíronse 950 desastres no mundo causados por perigos naturais, que causaron 130 billóns de dólares en danos. Inundacións e sismos Así, os estudos recollidos en Riesgos naturales en Galicia: el encuentro entre naturaleza y sociedad analizan as dimensións das inundacións históricas, os incendios en Galicia de agosto de 2006 ou a valoración económica das perdas ambientais. Porén, as investigacións tamén examinan os riscos asociados á sanidade animal e enfermidades emerxentes como a lingua azul, os efectos potenciais das microalgas nocivas en augas das rías galegas ou o perigo de introdución de organismos nocivos para os vexetais. Por último, a catalogación sísmica en España e Galicia e a sismotectónica en terras lucenses, o tsunami e a radiación alfa e os seus efectos sobre a saúde ocupan, respectivamente, tres dos apartados do traballo coordinado polo investigador da USC. Por todo isto, “o paisaxe do risco en Galicia” está formado por estacionais incendios forestais, tormentas invernais con ventos e precipitacións intensas, ademais de episódicos sismos, ondas de frío e calor, mareas vermellas, enfermidades infecciosas animais e unha permanente exposición local a niveles de radón ambiental, segundo salientou o investigador da USC na presentación do libro. O profesor Urbano Fra Paleo, traballa na universidade compostelá dentro do Departamento de Enxeñaría Agroforestal e no grupo de investigación do Laboratorio do Territorio do campus de Lugo. Fra Paleo, doutor en Xeografía pola USC, adícase ao estudo dos riscos naturais, en particular a análise do risco de inundación, de incendio e volcánico. Así mesmo, o profesor é membro, entre outros, do comité español do International Human Dimensions Programme on Global Envioronmental Change.

The contents of this page were updated on 02.07.2011.