Skip to main content

O programa Parellaes propicia o intercambio lingüístico galego-catalán e catalán-galego entre alumnos da USC

Permanece aberto ata finais de febreiro o período de inscrición para as persoas interesadas

Falar, conversar, parolar, laretar, estar de leira. Estas son as principais actividades que deberán acometer ás persoas que decidan participar no desenvolvemento do programa Parellaes. Unha iniciativa académica da área de Catalán do Departamento de Filoloxía Galega para intercambio lingüístico galego-catalán e catalán-galego entre alumnos da USC que falen estas dúas linguas e desexen aprender, practicar ou mellorar as súas destrezas nestes idiomas. Os participantes terán a oportunidade de conversar coas súas respectivas parellas nun ambiente relaxado e axeitado para a práctica destes idiomas. Cada unha das parellas conformadas integrarana unha persoa catalanofalante e unha galegofalante para que os intercambios sexan bidireccionais e mutuamente enriquecedores. Neste senso, o programa vai destinado, dunha banda, ao alumnado orixinario do ámbito lingüístico catalán que actualmente estuda na USC e, doutra, ao alumnado da universidade compostelá que curse actualmente ou teña cursado materias da Área de Filoloxía Catalá. O obxecto é que os participantes, organizados por parellas, compartan un mínimo de dez sesións ata o final do curso, podendo desenvolver o intercambio lingüístico onde acorden, tomando un café, paseando pola cidade ou saíndo pola noite. En función da dispoñibilidade horaria, afeccións e preferencias das persoas interesadas, asignaranse as parellas. As persoas interesadas poden inscribirse ata finais de febreiro dirixíndose a mamerce.lopez [at] usc.es (mamerce[dot]lopez[at]usc[dot]es) ou a dolors.perarnau [at] usc.es (dolors[dot]perarnau[at]usc[dot]es) indicando uns datos persoais mínimos para dar a coñecer o seu nivel de lingua. Este programa será validable por un crédito de libre configuración para todas as titulacións da USC.

The contents of this page were updated on 02.04.2011.