Skip to main content

Un traballo de investigadores de Física e Matemáticas da USC sobre o bilingüismo recibe o recoñemento do Technology Review do Massachussets Institute of Technology

A imaxe amosa a evolución histórica do número de falantes en galego, castelán e bilingües e a súa proxeción cara o futuro
A imaxe amosa a evolución histórica do número de falantes en galego, castelán e bilingües e a súa proxeción cara o futuro
O texto, do que son autores Jorge Mira, Juan Nieto e Luís Seoane, publicarase na revista New Journal of Physics

A ‘Importancia da similaridade interlingüística e bilingüismo cando dúas linguas compiten’ é o título do artigo, elaborado por un grupo de investigadores de Física e Matemáticas da USC encabezado polo Profesor do Departamento de Física Aplicada Jorge Mira, elixido Mellor Idea do Día entre os artigos postos no Physics ArXiv (http://arxiv.org/abs/1006.2737) polo Technology Review do Massachussets Institute of Technology (MIT). Trátase dun foro no cal científicos de todo o mundo, de distintas disciplinas, adiantan as primeiras versións dos seus artigos e que conta cunha grande difusión. O texto, que será publicado na revista New Journal of Physics, está asinado por un equipo que integran, ademais de Jorge Mira, o profesor do Departamento de Análise Matemática Juan Nieto e o investigador Luís Seoane, que actualmente se atopa nunha estadía no Bernstein Center for Computational Neuroscience de Berlin. O documento amosa que é posible a coexistencia das dúas linguas, sempre e cando se produzan certas condicións, como que exista unha certa distancia entre as mesmas e existan certas condicións dos seus estatus. De feito, o artigo está na liña de investigación iniciada hai cinco anos polo profesor do Departamento de Física Aplicada da USC sobre a coexistencia de dúas linguas nun mesmo territorio como é o caso do galego e o castelán. Así, nun artigo do ano 2005 na revista Europhysics Letters, Jorge Mira xunto a Ángel Paredes, formulara un modelo matemático que reproduce a evolución histórica do número de falantes de galego e castelán, ao tempo que proporcionaba un xeito de medir a distancia entre ambas linguas. Como resultados das simulacións, os investigadores alertan sobre a posición de perigo do galego, aínda que a situación galego-castelán está preto das condicións de estabilidade que permitirían que a lingua galega sobrevivise no futuro, segundo este estudo. Esta simulación pode consultarse a través do link http://www.youtube.com/watch?v=q65k60tNVRo .

The contents of this page were updated on 01.25.2011.