Skip to main content

A Plataforma para a Innovación de Contidos Dixitais da USC incorpora un plató de escenografía virtual

O estudo foi inaugurado dentro das xornadas sobre escenografía e grafismo 3D que se celebran na Facultade de Ciencias da Comunicación

A USC dispón dunhas novas instalacións de referencia para o sector audiovisual. Trátase do plató de escenografía virtual da Plataforma para a Innovación e Experimentación de Contidos Dixitais (Cidus) que foi inaugurado esta martes de xeito formal na Facultade de Ciencias da Comunicación, onde está emprazado. O estudo, cofinanciado polo Ministerio de Industria, Turismo y Comercio e Red.es, dispón das últimas tecnoloxías para o deseño, creación e posproducción audiovisual. A posta en funcionamento do plató coincide coa celebración do Curso Internacional Brainstorm de Escenografía Virtual Avanzada e Grafismo 3D que ata o vindeiro venres, 14 de xaneiro, ten lugar na Facultade Ciencias da Comunicación. Precisamente, a formación de novos profesionais é un dos principais obxectivos do Cidus. A Plataforma de Innovación e Contidos Dixitais, creada en 2009, conta con sete grupos de investigación da USC, pertencentes aos eidos das tecnoloxías da información e das ciencias da comunicación. Outro dos fins estratéxicos do Cidus é a interlocución permanente e a transferencia de tecnoloxía innovadora co sector dos contidos dixitais. De feito, ao longo do pasado ano leváronse a cabo diversos proxectos de colaboración tanto con empresas como con entidades públicas, como o deseño dun simulador naval inmersivo de baixo custe, unha plataforma de xestión dixital da cultura galega ou o proxecto ‘Rectur’, un sistema de recomendación hosteleira e rutas turísticas, entre outros.

The contents of this page were updated on 01.11.2011.