Skip to main content

A Cátedra Valle-Inclán da USC participa no ciclo ‘Galicia, Ceo das Letras’ co que se abre da Cidade da Cultura

A directora da Cátedra Margarita Santos e o actor José Luís Gómez farán un relatorio e unha dramatización sobre a obra do escritor arousán

Ramón María del Valle-Inclán é un dos doce escritores, nove deles galegos, aos que se homenaxeará a través do ciclo ‘Galicia, Ceo das Letras’, co que a Cidade da Cultura abre as súas portas o vindeiro 15 de xaneiro, que a súa vez forma parte dos actos de inauguración do complexo cultural. A sesión dedicada ao escritor arousán, que terá lugar o 26 de marzo, farase coa colaboración da Cátedra Valle-Inclán da USC. De feito, será a directora da Cátedra, a profesora do campus compostelá Margarita Santos Zas a que faga un relatorio e converse co actor e director José Luís Gómez sobre a obra e figura de Valle-Inclán. Gómez, Premio Nacional de Teatro, realizará tamén unha lectura dramatizada de 35 minutos de textos do autor galego. O ciclo ‘Galicia, Ceo das Letras’ pretende ofrecer cada sábado, dende o 15 de xaneiro ata o 25 de xuño, unha nova mirada sobre a obra de doce destacados autores, entre os que se pode atopar dende Rosalía de Castro ata José Luís Borges. Historia A Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago foi creada o 20 de marzo de 2002 en virtude dun convenio entre a institución académica e o concello compostelán, co obxectivo de proporcionar un marco de integración e apoio á investigación, actividades e proxectos que dende 1998 desenvolve o Grupo de Valle-Inclán da USC. Así mesmo, a Cátedra dispón dun seminario permanente impartido por especialistas e unha biblioteca para realizar a súa actividade.

The contents of this page were updated on 01.07.2011.