Skip to main content

A Rede Nacional de Bioestatística fará en Santiago a súa primeira reunión de traballo

A USC forma parte desta rede, pioneira en España, que ten por obxecto coordinar a investigación e a docencia bioestatística en España, permitindo a súa proxección internacional

Investigadores da USC organizan a primeira xuntanza da Rede Nacional de Bioestatística (Biostatnet), que se reunirá en Santiago os vindeiros 21 e 22 de xaneiro. A rede ten como obxecto promover a excelencia en bioestadística que se realiza en España, fomentando a colaboración entre os grupos que a integran e facilitando a conexión entre investigadores españois e extranxeiros. De feito, Biostatnet conta con145 membros, entre os que se atopan 25 universidades españolas, 18 institucións biomédicas e 16 universidades internacionais. Na xuntanza, que se celebra na Aula Castelao da Facultade de Medicina, presentarase a Rede Nacional de Bioestatística, a súa páxina web (www.biostatnet.org) e haberá relatorios por parte de sete grupos doutras tantas universidades españolas, así como mesas de traballo e un foro de debate. O programa inclúe tamén unha conferencia do prestixioso profesor Geert Molenberghs, do Interuniversity Institute for Biostatitics and Statitical Bioinformatics, o sábado 22. A rede temática Biostatnet xurde como núcleo de conexión dos investigadores españois en bioestatística, a rama estatística que se ocupa dos problemas expostos na medicina e na bioloxía. Así, entre os seus obxectivos principais atópase o de promocionar esta disciplina en distintos ámbitos da sociedade como a educación, as empresas -fundamentalmente a industria farmacéutica-, a administración pública e na propia universidade. De xeito específico, a rede persegue a optimización da eficacia e a calidade da investigación e a docencia bioestatística, e a canalización da investigación cara o Espazo Europeo de Investigación para poder desenvolver proxectos a nivel da UE, liderándoos ou como socios de grupos doutros países.

The contents of this page were updated on 01.14.2011.