Skip to main content

Máis de cen investigadores participan na posta en marcha da Rede Nacional de Bioestatística que ten lugar na USC

A catedrática da USC Carmen Cadarso é unha das impulsoras da rede, pioneira en España, que ten por obxecto coordinar a investigación e a docencia bioestatística en España

A Rede Nacional de Bioestatística (Biostatnet), reunirase por primeira vez este venres 21 e sábado 22. A plataforma, que ten como obxecto fomentar a colaboración entre investigadores españois e extranxeiros e acadar a excelencia en bioestatística, elixiu Santiago para celebrar esta xuntanza. Non en van, a catedrática da USC Carmen Cadarso é unha das impulsoras desta rede e coordina a organización a reunión. A Biostatnet conta con 145 membros, entre os que se atopan 25 universidades americanas e europeas, 18 institucións biomédicas e 16 universidades internacionais. Na reunión destes días está previsto que participen máis de cen investigadores, entre os que se atopan representantes de institucións españolas e estranxeiras como Portugal e Bélxica. A inauguración da xuntanza, que se celebra na Aula Castelao da Facultade de Medicina, terá lugar ás 16:30 horas. O Vicerreitor de Investigación da USC, Francisco González, o xestor do Plan Nacional de Matemáticas da subdirección xeral de Proxectos do Ministerio de Ciencia e Innovación, Jesús López, o coordinador de Avaliación de Proxectos do Iscii, Carlos Diéguez, e propia Carmen Cadarso, serán os encargados de abrir esta xornada. O programa inclúe a presentación da Rede Nacional de Bioestatística e a súa páxina web (www.biostatnet.org) e haberá relatorios por parte de sete grupos doutras tantas universidades españolas, así como mesas de traballo e un foro de debate. Así mesmo, o prestixioso profesor Geert Molenberghs, do Interuniversity Institute for Biostatitics and Statitical Bioinformatics, impartirá unha conferencia o sábado 22. A rede temática Biostatnet xurde como núcleo de conexión dos investigadores españois en bioestatística, a rama estatística que se ocupa dos problemas expostos na medicina e na bioloxía. Así, entre os seus obxectivos principais atópase o de promocionar esta disciplina en distintos ámbitos da sociedade como a educación, as empresas -fundamentalmente a industria farmacéutica-, a administración pública e na propia universidade. De xeito específico, a rede persegue a optimización da eficacia e a calidade da investigación e a docencia bioestatística, e a canalización da investigación cara o Espazo Europeo de Investigación para poder desenvolver proxectos a nivel da UE, liderándoos ou como socios de grupos doutros países.

The contents of this page were updated on 01.20.2011.