Dereito conmemorou a festividade do seu patrón, San Raimundo de Peñafort
A Facultade de Dereito celebrou este venres 21 o acto académico co que conmemora a festividade do seu patrón San Raimundo de Peñafort. O reitor Juan Casares presidiu a xornada nun acto celebrado no centro compostelán e ao que asistiron os decanos das facultades de Dereito de Santiago e da Coruña e a vicedecana e secretaria dos campus de Ourense e Vigo, respectivamente A lectura da memoria da facultade correspondente ao curso 2009-2010 abriu a xornada que continuou coa imposición da insignia do centro á profesora Amelia Paz González con motivo dos seus 25 anos de servizo na facultade compostelá e a entrega de diplomas aos alumnos que remataron os seus estudos o pasado curso. Pecharan o acto, o decano da Facultade de Dereito, Luís Míguez, e a intervención do reitor Juan Casares. Colexio de avogados Pola tarde, o Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolle a partir das 19:00 horas o acto conmemorativo organizado polo Colexio de Avogados de Santiago, ao que tamén asistirá o reitor Juan Casares e no que se fará entrega da medalla de ouro da organización colexial ao catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e ex reitor da USC, Senén Barro.
O avogado José López Graña, a Cociña Económica de Santiago e os inspectores xefes da comisaría santiaguesa que se xubilan a comezos de 2011 recibirán tamén o recoñecemento do Colexio de Avogados. O acto conclúe coa xura de novos letrados e letradas.