O reitor preside o acto de inauguración e benvida dos participantes ao encontro Campus Inclusivo
O reitor Juan Casares presidirá o vindeiro luns 28 o acto de benvida e inauguración protocolaria do encontro Campus Inclusivo, nunha sesión que comezará a partir das 10.30 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. Intervirán ademais, Natalia Álvarez Liébana en representación da Fundación Repsol, e a presidenta do Consello Territorial da ONCE en Galicia, Mª Dolores Venancio. O Campus Inclusivo crea un espazo de intercambio de experiencias mediante o desenvolvemento de actividades académicas, deportivas e culturais que permita coñecer as posibilidades que a USC ofrece ao estudantado con necesidades educativas especiais. O encontro permitirá a un grupo de estudantes con discapacidade, previamente seleccionados no ámbito da iniciativa ‘A túa formación non ten límites, desenvolve o teu futuro’, coñecer os proxectos educativos, as instalacións e recursos de apoio que a USC poría ao seu servizo na etapa universitaria.