Skip to main content

O estudantado dispón de vinte e catro novas unidades didácticas elaboradas por docentes do Campus de Lugo

Axudar ao mellor desenvolvemento do labor docente e mellorar a comprensión das materias curriculares por parte do alumnado é a dobre finalidade das unidades didácticas que este venres se presentaron na Sala de Prensa da Vicerreitoría do Campus de Lugo. En concreto daranse a coñecer 24 novas unidades elaboradas por profesoras e profesores do campus lugués froito dun curso organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria e o Servizo de Normalización da USC. A presentación correu a cargo dos vicerreitores do Campus de Lugo e de Cultura, Pedro García Herradón e Francisco Durán; do director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco; e do responsable da Área de Asesoramento Lingüístico do Servizo de Normalización da USC, Manuel Bermúdez. Os títulos que se incorporan ao catálogo pertencen ás cinco grandes áreas de coñecemento. En ensinanzas técnicas preséntanse Aplicación da tecnoloxía LiDAR na análise do medio físico para a materia ‘Xeomática’, Enxeñaría do Tráfico para ‘Deseño e construción de obras lineais’, Mareas para ‘Portos e costas’ e Análise dimensional para ‘Hidráulica I’. En ciencias experimentais as novas unidades son Metabolismo dos lípidos para a materia ‘Bioquímica’, A auga para ‘Química inorgánica’, Procesos biolóxicos de transformación dos alimentos. Fermentacións. Cultivos iniciadores. Uso de enzimas para ‘Tecnoloxía do procesado de alimentos’, Conservación por calor para ‘Tecnoloxía do procesado dos alimentos’ e Haluros de Alquilo para ‘Química orgánica. O balance, Os efectos da declaración do concurso, Actividade económica e empresa: o papel da contabilidade e as finanzas e Sistema de financiamento local e autonómico en España son os catro novos títulos da área de ciencias sociais e xurídicas que se corresponden coas materias ‘Estados contables’, ‘Dereito concursal e cambiario’, ‘Organización e economía da empresa’ e ‘Federalismo fiscal’, respectivamente. Ademais, Humanidades conta xa con As adaptacións na Educación Física para a materia ‘Educación física especial I’, Linguaxe, mente e cerebro para ‘Lingüística II’, Grupos e equipos de traballo para ‘Psicoloxía dos grupos e equipos de traballo’ e Os contidos pedagóxicos na elaboración de unidades didácticas para ‘Contidos pedagóxicos. Por último, a área de Ciencias da Saúde incorpora as unidades Inseminación artificial na vaca para ‘Obstetricia e reprodución’, Miases dos animais de renda para ‘Enfermidades parasitarias II’, Cestodoses para ‘Enfermidades parasitarias I’, Patoloxías metabólicas asociadas á lactación para ‘Aspectos Básicos e Clínicos da Lactación’, Zooloxía, aspectos xerais para ‘Ciencias Fundamentais (Zooloxía)’, Morfoloxía e bioloxía reprodutiva das plantas da materia ‘Botánica’ e Dixestivo dos rumiantes: afeccións do abomaso para ‘Clínica Médica Veterinaria II’.

The contents of this page were updated on 11.25.2011.