Skip to main content

As xornadas ‘Os medios en galego, importan?’ constatan o interese por crear e ler medios neste idioma

Existe fame por crear e ler medios de comunicación en galego, segundo as conclusións que a presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación, a profesora Marta Pérez, realizou á modo de broche das xornadas que a longo desta semana analizaron o futuro dos medios de comunicación en lingua galega. Marta Pérez tamén destacou positivamente o desenvolvemento das xornadas ‘Os medios en galego, importan?’ polo interese suscitado polas distintas mesas de debate. Centrada no sector audiovisual, na última xornada o director da rede de Emisoras Municipais galegas (Emuga), Henrique Sanfiz, puxo o acento nunha das reflexións máis consensuadas e repetidas ao longo dos tres días de actividades, a necesidade de converter ao idioma nun valor engadido e nunha fonte de oportunidades para os medios de comunicación. “A cidadanía reclama máis medios para informarse mentres cada vez conta con menos para facelo” subliñou Sanfiz en alusión aos argumentos que aseguran a viabilidade e necesidade de Radiofusión, a programación común elaborada polas Emisoras Municipais Galegas. Segundo o seu responsable, Emuga atende á demanda de un de cada tres oíntes diarios galegos de radio, “que consideran escasa a presenza da lingua propia neste medio”. Nesta mesma liña, o director da Cadena Ser de Galicia, Jordi Jordá, afirmou que os medios privados empregarán o galego cando exista unha demanda do público e non porque exista a obriga de facelo, sinalou. O xornalista catalán apunta a unha indiferenza xeral da cidadanía ante o idioma dos medios, “seguramente porque a lingua é un valor secundario cando a calidade do produto non é a adecuada”. Completando a perspectiva dende os medios de titularidade pública, a subdirectora da Radio Galega, Rosa Sierra, destacou o impacto normalizador e normativizador que os micrófonos do medio público trasladaron á sociedade galega tras 26 anos de existencia. “Conseguimos que o galego se conciba como unha lingua válida para calquera ámbito”, defendeu, “e así o seguiremos facendo como é a nosa obriga”. Modelos de éxito na televisión A palestra dedicada aos modelos de éxito na pequena pantalla reuniu a tres dos responsables de boa parte da factoría de ficción da televisión galega, Carlos Ares, Antón Reixa e Araceli Gonda. Os tres coincidiron en sinalar á creación da TVG e, máis concretamente, a aparición da serie ‘Mareas Vivas’ como o “imprescindible punto de partida”. Antón Reixa, un dos seus guionistas, explicou que o éxito da serie comezou tras asumir que "o desafío era crear unha serie de ficción de gran formato que competira con series de emisión estatal, cun orzamento cinco veces menor”. Ares, tamén guinonista de Mareas Vivas, Terra de Miranda ou As Leis de Celavella, entre outras moitas series, comezou advertindo de que “os países temos as televisións que nos merecemos” e que no caso da TVG "implica unha defensa da cidadanía galega por manter unha canle propia". Segundo Ares, o caso concreto de Mareas Vivas marcou "un antes e un despois", converténdose no punto de partida da carreira de moitos profesionais do audiovisual galego. Araceli Gonda, que tamén se considerou debedora de Mareas Vivas de onde dixo que saíron todos os que intentan sobrevivir hoxe do oficio, ilustrou o caso da exitosa serie Padre Casares, que tras nove temporadas de emisión segue batendo records de audiencia. Segundo a guionista, a clave do éxito é a empatía coa audiencia, grazas a un humor próximo e a unhas personaxes familiares pois “o público busca identificarse co que ve na TVG, que falemos como falan eles”. Nese senso, Antón Reixa sinalou que o audiovisual galego e en galego asumiu a conquista do público dun xeito máis arriscado que os medios impresos. Para o cineasta facer un produto en galego non exime de estar sometido ás dinámicas do mercado, polo que independentemente da lingua “os creadores deben afrontar igual o desafío entre creación e industria, xerando produtos con calidade que respondan ás demandas do público”. Un posicionamento que, segundo Reixa, non sempre se ten en conta cando se crean xornais na nosa lingua. Cinema en galego No espazo de reflexións reservado para a gran pantalla, Xose Manuel Sande, membro do equipo de programación do CGAI (Centro Galego de Arte e Imaxe), quixo transmitir unha visión esperanzadora para sector. A situación do cinema en galego “non é apocalíptica” grazas a que a transformación cara ao dixital está permitindo democratizar a creación ao tempo que “existen experiencias radicais e entusiastas nunhas condicións perversas” como as actuais, dixo. Unha delas podería ser Simbad, a adaptación da obra de Cunqueiro que recentemente se estreou nas salas do país. O seu director, Antón Dobao, expresou o desexo de que “Galicia poida ter a capacidade de expresarse culturalmente na súa lingua propia, tamén no cinema". Lara Rozados, membro do Cineclube Compostela, unha asociación sen ánimo sen lucro “que avoga pola cultura de libre acceso”, defendeu a necesidade de crear un circuíto cinematográfico alternativo para que as pezas en galego poidan ter a proxección social que a rede comercial lle nega.

The contents of this page were updated on 11.11.2011.