Skip to main content

A USC conmemora a vindeira semana o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres coa campaña ‘O semáforo da violencia de xénero’

“Calquera muller pode sufrir malos tratos... xa que non teñen nada que ver coa idade, a raza, a relixión, o status social e/ou económico, nin a capacitación profesional. O único factor de risco é ser muller”. Esta é a mensaxe que a vindeira semana a USC vai difundir nos seus centros a través da campaña ‘O semáforo da violencia de xénero’ unhas carpetiñas que inclúen un test dirixido a rapaces e rapazas para avaliar a súa conduta coas persoas do outro xénero. A campaña conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres o día 25 de novembro e busca concienciar a toda a comunidade universitaria, especialmente ao alumnado, sobre a gravidade das condutas violentas por cuestión de xénero. Deste xeito, ao longo da próxima semanas, os usuarios e usuarias dos servizos de reprografía da USC recibirán unha carpetiña baixo o lema ‘O semáforo da violencia de xénero’ onde se lle formulan unha serie de preguntas para avaliar a súa conduta en cuestións de relacións e roles de xénero. A Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade a través da Oficina de Igualdade de Xénero súmase a esta iniciativa que promove o Centro de Estudos sobre a Muller da Universidade de Alacante e que ademais da USC subscriben diversas universidades españolas. As institucións promotoras consideran ademais que a campaña funcionará como un medio para axudar a detectar e previr as condutas que poden ser constitutivas de malos tratos.

Como se sinala no documento a distribuír a vindeira semana a violencia de xénero constitúe unha manifestación de relacións de poder historicamente desiguais entre homes e mulleres, que conducirán á dominación da muller e á discriminación na súa contra por parte do home e impediron o seu pleno avance en todos os ámbitos.

The contents of this page were updated on 11.18.2011.