Nova exposición na Igrexa da Universidade con obras das coleccións de ARCO, IFEMA e CGAC
A Universidade de Santiago e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) presentan a vindeira semana unha exposición na Igrexa universitaria da Compañía con obras das Coleccións da Fundación ARCO, de IFEMA e da Permanente do CGAC. ‘Mystique. Colección CGAC, ARCO e IFEMA’ inaugurarase o 1 de decembro e ata o 7 de xaneiro poderá visitarse de luns a sábado de 11 a 14.30 e de 17 a 20.30 horas. A obra Mystique de Carlos Congost abre esta exposición que pretende dialogar coa igrexa a través dunha serie de obras de arte contemporánea que levan ao concepto do místico. Todo o espazo encherase con obras pictóricas, escultóricas, fotográficas e instalacións de Vivek Vilasini, Jorge Barbi, Manuel Vilariño, María Pía Oliveira, Sofia Jack, Richard Orjis e Anthony Goicolea, Brigitte Kowanz, Jiri Georg Dokoupil, Antoni Tàpies, Isaque Pinheiro, Din Matamoro , Christian Boltanski, Jack Leirner, Elmgreen Dragset, Mónica Alonso, Marie-Jo Lafontaine, Joan Fontcuberta e George Rousse.