Skip to main content

O Grupo de Creación Musical da USC participa este sábado nos Diarios Sonoros da Cidade da Cultura

Coa intervención sonora e visual Arquitectura e música

O Grupo de Creación Musical da USC (GCMUS) que dirixe a profesora Inmaculada Cárdenas no Campus de Lugo participa este sábado na Cidade da Cultura coa intervención sonora e visual Arquitectura e música. Será ás 12:00 horas na Sala de Columnas da Biblioteca con entrada libre previa reserva. A intervención, enmarcada nos Diarios Sonoros da Cidade da Cultura, foi pensada e realizada por Inmaculada Cárdenas, José Luis Carles e Cristina Palmese para o espazo central da Biblioteca de Galicia. O grupo da USC participa en concreto na primeira parte do proxecto, titulada ‘Monte Gaiás’ e consistente nunha performance en directo baixo a idea de que “o coñecemento está no interior” como metáfora da arquitectura que a alberga. A peza corre a cargo do GCMUS coa participación de catro músicos, ademais da intervención do público. O formato elixido é a interacción cos espazos da Biblioteca de Galicia. A partir de sons de bombardino, voz e percusións explóranse os espazos e trabállase a arquitectura como un instrumento sonoro de enormes dimensións. A estes uniranse elementos extramusicais como chapa metálica, pelotas de pimpón, plásticos… que serán modificados pola electrónica en directo reforzando e variando as devanditas acústicas. A segunda e última parte - Itinerarios de escoita. Instalación Audiovisual- é un convite a pensar a relación cunha arquitectura singular a través do son, descubrila a través dun mapa sonoro que percorrerá o espazo construído, deixando que de este lugar emerxa todo aquilo que foi esquecido, calado ou que ha quedou sen expresar.

The contents of this page were updated on 11.25.2011.