Skip to main content

A Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC ocupa posicións de liderado pola súa capacidade de produción científica

Integrantes do grupo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC
Integrantes do grupo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC

O Centro de Investigación Biomédica en Rede de Epidemioloxía e Saúde Pública (CIBERESP), acaba de obter a mellor avaliación en indicadores de produción científico-técnica de todos os CIBER creados polo Instituto de Saúde Carlos III. O grupo de investigación da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC que dirixe o profesor Juan Gestal é o único nodo galego no CIBERESP. Os CIBER son grupos de investigación biomédica que traballan en rede co obxectivo de desenvolver investigación cooperativa para lograr a rápida traslación dos coñecementos á práctica. Na actualidade, en España contabilízanse un total de 9. O Grupo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC ocupa ademais xunto cos das áreas de Farmacia e de Informática da USC, o cuarto posto dentro da súa disciplina con relación ao resto das universidades españolas no período comprendido entre os anos 2001 e 2010, segundo se recolle na 2º edición do ‘Ranking ISI de las Universidades Españolas según Campos y Disciplinas Científicas’ (http://www.rankinguniversidades.es). No eido da Saúde Pública, unicamente melloran os indicadores da USC grupos das universidades de Barcelona, Pompeu Fabra e Autónoma de Barcelona. Estes rankings se elaboran a partir da investigación publicada nas revistas internacionais de maior impacto e visibilidade no campo da Medicina Preventiva e Salud Pública. Neste senso, profesores e investigadores deste área na USC teñen publicado artigos nas revistas máis prestixiosas no ámbito mundial, como JAMA, Lancet Infectious Diseases, Lancet Oncology, British Medical Journal, Journal of the National Cancer Institute, American Journal of Epidemiology, Environ Health Perspect, International Journal of Epidemiology, Epidemiology, Drug Safety ou Archives of Neurology Neurology, entre outras. O grupo compostelán colabora ademais, por medio de proxectos e publicacións, coa Escola de Saúde Pública de Harvard (EE.UU), coa Universidade de British Columbia (Canadá), a Organización Mundial da Saúde (Suiza), a Universidade de Surrey (Reino Unido), o Mount Sinai Medical School de Nueva York (EE.UU), o Hospital Maggiore de Milán e o Hospital Universitario de Verona (Italia), e coas Universidades de Oporto e de Aveiro (Portugal).

The contents of this page were updated on 11.18.2011.