Skip to main content

O Luísa Villalta recoñece o esforzo a prol da normalización lingüística dos centros do campus lugués

O Luísa Villalta recoñece o esforzo a prol da normalización lingüística dos centros do campus lugués
O Luísa Villalta recoñece o esforzo a prol da normalización lingüística dos centros do campus lugués
Na súa sétima edición o premio á mellor idea para promocionar o galego recae no traballo ‘Proxéctate en galego’ da USC

Unha representación das comisións de normalización lingüística (CNL) do campus de Lugo asistiu hoxe en Ferrol ao acto de entrega do VIII Premio Luisa Villalta a iniciativas normalizadoras que convocan os Servizos de Normalización Lingüística das Universidades galegas co financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Nesta última convocatoria o xurado premiou ex aequo, na modalidade de ideas de promoción do galego, as comisións de normalización dos centros universitarios do campus lugués polo seu traballo ‘proxéctate en GALEGO’ e ao estudante da Universidade da Coruña Alejandro Gradaílle por ‘O poder das palabras’. Proxéctate en galego Os precedentes do proxecto de Lugo premiado hai que buscalos no éxito das xornadas ‘ Achegándonos ao medio rural’ que comezaron hai dous anos da man da CNL da Facultade de Veterinaria e que hoxe contan coa participación de todos os centros do Campus lugués. O desenvolvemento destes encontros deu, segundo as persoas organizadoras, nun escenario “moi favorable” para a reflexión sobre o galego no mundo universitario e a súa extensión cara á sociedade. As experiencias mostradas, explican, “permitiron ver en positivo que o galego, entendido non exclusivamente como o idioma, senón tamén como a nosa cultura, o noso patrimonio, pode converterse nun dos piares das nosas vidas, tanto no plano persoal como profesional”. De aí xurdiu a idea de desenvolver ‘proxéctate en GALEGO’, un espazo de traballo, coñecemento e debate en rede especialmente dirixido ao alumnado, pero extensible a toda a comunidade universitaria e á sociedade en xeral. A idea esencial é exemplificar que o galego é unha lingua vehicular en calquera ámbito profesional e científico. Para iso levaranse a cabo dúas accións: a creación dun espazo virtual galego na USC e a realización dunha xuntanza anual, a modo de foro de debate, no Campus de Lugo. Espazo virtual ‘Proxéctate en GALEGO-espazo USC’ será accesible dende a páxina principal da USC e albergará diversos contidos que, entre outras cousas, visibilizarán todas as ferramentas TIC das que dispón o galego -ata o momento na USC accesibles só dende o web do SNL- e recompilará o material do que se dispón en galego para o desenvolvemento profesional. Foro As comisións normalizadoras do campus teñen previsto ademais organizar en marzo do vindeiro ano o primeiro foro de debate e intercambio de experiencias “vivas” en galego. Centrado en catro temáticas de estudo concretas –emprendemento, tecnoloxía, ciencia e multilingüismo-, entre outras actividades proxectaranse pezas audiovisuais e distribuirase numeroso material en galego ademais de visitar diferentes experiencias de emprendemento da provincia, de interese polo bo funcionamento do binomio innovación-lingua galega.

The contents of this page were updated on 11.17.2023.