Skip to main content

O investigador Daniel Lanero estuda no libro Historia dun ermo asociativo a situación dos labregos e da Galicia rural durante a ditadura franquista

O investigador do proxecto Historia Agraria e Política do Mundo Rural (HISTAGRA) Daniel Lanero Táboas estuda a situación dos labregos e da Galicia rural durante a ditadura franquista no libro Historia dun ermo asociativo. Labregos, sindicatos verticais e políticas agrarias en Galicia baixo o franquismo. O libro, que recolle a tese de doutoramento do autor, ten ao sindicalismo vertical franquista como fío condutor, abordando asuntos como a destrución da sociedade civil rural e a desmobilización política dos campesiños, a construción polo franquismo dun consenso baseado na normalización dos comportamentos corruptos e clientelares ou a imposición no agro dun modelo produtivo alleo, cuestións estas das que aínda queda pegada na actualidade. O prólogo é un texto de Lourenzo Fernández Prieto. Este volume presentarase este mércores 27 nun acto na libraría Couceiro a partir das 20:00 horas no que van participar os catedráticos Ramón Villares e Lourenzo Fernández; Víctor Santidrián, da Fundación 10 de marzo; X. Amancio Liñares, director editorial de 3C3; e o propio autor.

The contents of this page were updated on 04.26.2011.