A USC abre un Punto de Información Internacional en Beijing

A USC acaba de abrir un Punto de Información Internacional en Beijing (China) que inicialmente se vai manterá ao longo dun ano no Centro de Negocios do Instituto Español de Comercio Exterior de Beijing. A súa misión será contribuír á captación para a USC de alumnos e investigadores destacados, especialmente no ámbito que abrangue Campus Vida, así como prestar apoio loxístico, organizativo e lingüístico para visitas institucionais, a presenza en feiras, o seguimento das relacións xa establecidas e convenios asignados ou o apoio á comunidade investigadora no establecemento de contactos concretos entre grupos dos dous países. Nos últimos catro anos, a USC mantivo unha tendencia de achegamento progresivo a un número limitado e seleccionado de institucións académicas de relevancia na República Popular, agora concretado na creación física deste Punto informativo. Para cumprir cos seus cometidos, durante os últimos dous anos formouse no Servizo de Relacións Exteriores o persoal que atenderán este punto, agora convertido en ponte coas universidades chinas que a USC considera estratéxicas no eido da cooperación científica e académica. A través da Vicerreitoría de Relacións Exteriores e Internacionais, esta iniciativa xurde dentro do plan de atracción do talento do Campus de Excelencia Internacional da USC, en consonancia coa política estratéxica da Universidade compostelá respecto da colaboración nos diferentes ámbitos académicos internacionais. A importancia de China pódese observar dende múltiples perspectivas, sirva como exemplo que durante o pasado ano 2010 un total de 220.000 estudantes chinos cursaron os seus estudos en universidades europeas e americanas Este punto de información eríxese como unha ferramenta de valor engadido por ser unha representación da USC coñecedora do sistema universitario e das linguas en ambos países, o que permitirá atender as demandas de estudantes e investigadores dun xeito personalizado.
Dentro dun ano, a USC avaliará a pertinencia de manter o funcionamento deste servizo en función dos resultados e a viabilidade económica e académica rexistrada. Non obstante, dende a Vicerreitoría de Relacións Exteriores apúntase que a súa contribución á captación de alumnado pode convertela nun punto autosustentable.