Skip to main content

O Nobel de Química Richard Schrock coñeceu no CIQUS as liñas de investigación da USC

Richard Schrock, no centro, cos responsables dos equipos de investigación da USC que presentaron os seus traballos
Richard Schrock, no centro, cos responsables dos equipos de investigación da USC que presentaron os seus traballos
Atópase esta semana en Compostela convidado polo programa ConCiencia

O Premio Nobel de Química en 2005, Richard Schrock, reuniuse este xoves no CIQUS con persoal investigador da Universidade de Santiago para coñecer e discutir as liñas de investigación que están desenvolvendo na actualidade. O Premio Nobel atópase estes días en Santiago convidado polo Programa ConCiencia da USC. Foi esta unha magnífica oportunidade para darlle visibilidade e de paso debater acerca dos últimos avances en materia química que desenvolven os equipos da institución compostelá. En concreto, presentaron os seus traballos os grupos de Fernando López, Moisés Guliás, Diego Peña, Carlos Rodríguez, Jesús Varela e Félix Freire. Ademais, a directora do CIQUS, María Dolores Pérez, explicoulle ás persoas asistentes o estado actual da investigación neste centro singular da USC. O acto central da súa visita será o a conferencia que baixo o título ‘Todo sobre o Premio Nobel de Química 2005’ pronuncia este xoves ás 20.00 horas na Aula Magna da Facultade de Química. A intervención, de entrada libre e con tradución simultánea, diríxese ao público en xeral. Richard Schrock Richard Schrock (1945, EE.UU.) mereceu o Nobel -compartido con Yves Chauvin e Robert H. Grubbs- polo desenvolvemento do método da metátese na síntese orgánica que permite ‘cambiar átomos de lugares’. Este achado abre a porta á construción de moléculas sen máis límite que a propia imaxinación, máis aló do que existe na natureza (a imaxe usual para ilustrar este mecanismo de intercambio atómico para compoñer novas moléculas é a dun baile no que as persoas poden cambiar de parella). O descubrimento do profesor Schrock, que na actualidade traballa no Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT), proporcionou un novo xeito de unir fragmentos moleculares para obter moito máis rápido e dunha maneira menos contaminante produtos sintéticos como perfumes, plásticos, fibras e, sobre todo, fármacos. A traxectoria profesional do Nobel desenvolveuse sempre por centros de elite, dende a realización da tese na Universidade de Harvard at ao post-doc na de Cambridge para finalizar no MIT. Nese periplo por centros de primeira orde Schrock traballou ademais durante catro anos, entre 1972 e 1975, no Departamento de Investigación Básica da empresa farmacéutica Dupont. O Nobel cos profesores Jorge Mira, José Luis Mascareñas e María Dolores Pérez dinate do CIQUS Á xuntanza co Nobel acudiu numeroso persoal investigador

The contents of this page were updated on 11.10.2011.