Skip to main content

Aberto o prazo de inscrición para participar nas Xornadas Internacionais de Hispanismo Filosófico

A décima edición do seminario celébrase entre o 13 e o 15 de abril

‘Crises da modernidade e filosofías ibéricas’ é o título baixo o que se celebrará a vindeira semana a décima edición das Xornadas Internacionais de Hispanismo Filosófico. As persoas interesadas poden aínda formalizar a súa inscrición, que é de balde, mediante correo electrónico, á dirección jornadasdehispanismo [at] yahoo.es (jornadasdehispanismo[at]yahoo[dot]es) . O seminario terá lugar entre o mércores 13 e o venres 15 na Facultade de Filosofía e está organizado polo Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social da USC e a Asociación de Hispanismo Filosófico. As xornadas comezarán o día 13, ás 19:00 horas cunha conferencia sobre ‘Valle-Inclán e a dramatización do silencio’ por parte do profesor Ángel Abuín, tras o acto de inauguración, que estará presidido polo reitor, Juan Casares. O xoves 14 e o venres 15 terán lugar varios relatorios e mesas redondas nas que se abordarán temas tan diversos como a ‘Filosofía da historia na ensaística de Rafael Dieste’, ‘A meditación da crise no horizonte do exilio’ ou ‘A recuperación do pensamento galego nos últimos vinte e cinco anos’. No seminario participan expertos das universidades de Varsovia, Lisboa, do Minho, así como de varias universidades españolas e da USC. Para máis información pode consultarse o blog http://jornadasdehispanismo.blogspot.com/. Coincidindo coas xornadas, a Facultade de Filosofía acollerá tamén unha exposición-homenaxe ao profesor José Barreiro Barreiro, que poderá visitarse entre o 13 de abril e o 13 de maio no propio centro.

The contents of this page were updated on 04.07.2011.