Skip to main content

A editorial máis antiga de Galicia entra na era dixital

Juan Blanco en Juan Casares na presentación
Juan Blanco en Juan Casares na presentación
A USC presenta a súa libraría dixital, o Espazo Ebook

Preto de medio centenar de títulos xa se poden mercar na libraría dixital da USC, o denominado Espazo Ebook, que a institución acaba de poñer en funcionamento. Trátase dunha parte fundamental do proxecto dixital do Servizo de Publicacións da USC que arrancou en 2008 coa incorporación de boa parte do seu fondo a Google Book Research. A que pode considerarse como a editorial máis antiga de Galicia –a publicación de Fiestas minervales en honra de Alonso III de Fonseca “por su escuela y universidad” remóntase a 1697- reafirma a súa decidida aposta polo soporte dixital do coñecemento coa inauguración do Espazo Ebook. A idea expresouna este venres 8 o reitor Juan Casares na presentación da libraría dixital da USC aos medios de comunicación, nun acto no que o acompañou o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco. O Espazo Ebook da USC inaugúrase con aproximadamente cincuenta novidades dos anos 2009, 2010 e 2011 en formatos pdf e epub, descargables para monitores, e-readers e móbiles e co denominado DRM Social, un xestor de dereitos dixitais que non esixe descargar ningún software especial e incorpora unha marca de auga que permite identificar todos os datos da descarga. A era dixital na USC A libraría dixital da USC convivirá con outras iniciativas adoptadas previamente pola USC no espazo da ‘edición dixital’, xa que en 2009 o Servizo de Publicacións compostelá xunto coa Biblioteca Universitaria integráronse no repositorio institucional universitario en aberto (http://dspace.usc.es), proxecto que tras unha recente reunión dos seus responsables adquirirá ao longo deste curso un pulo importante. Ademais, en 2010 a USC a través do Servizo de Publicacións integrouse no proxecto Unebook, a plataforma colectiva de ebooks universitarios auspiciada pola Unión de Editoriais Universitarias (UNE) e que foi inaugurada na Feira do Libro Español LIBER en Barcelona en outono de 2010. O paso inmediato neste eido, logo de inaugurada a Libraría Dixital da USC, será o novo contrato que a institución académica asinará con Google Books que suporá, xa non só o mero acceso informativo aos libros, senón a súa distribución comercial a través de Google. A edición dixital Aínda que a cautela e unha certa dose de “escepticismo construtivo” imperan hoxe na edición española cando se trata de decidir entre libro dixital ou impreso, sinalou o director do Servizo de Publicacións Juan Blanco, a dixitalización “está adquirindo un empuxe imparable”. A este respecto Blanco lembrou os resultados da 2ª Enquisa sobre o Libro Dixital en España (www.dilve.es) realizada a comezos de 2011 pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) entre 280 editoriais de todo o país ―entre as que se contaba o Servizo de Publicacións da USC―. O estudo conclúe que unha de cada catro editoriais españolas agarda comercializar en dixital máis da metade do seu catálogo en 2012 e que o 75% das editoriais conta xa cun proxecto dixital en marcha.

Os datos reflicten, en opinión do responsable de Publicacións da institución académica compostelá, un notable e rápido cambio de tendencia, “pois a primeira enquisa da FGEE sobre libro dixital realizada en 2009 reflectía que só a metade das editoriais puxera en dixital ao dispor do publico menos do 5% da súa produción”. Neste mesmo senso, as temáticas que máis van medrar nos ebooks son o libro científico-técnico, manuais e libros de referencia en dereito e ciencias económicas, divulgación e literatura de creación, engade o editor.

The contents of this page were updated on 04.08.2011.