Skip to main content

Lugo será a capital da danza contemporánea universitaria durante dúas xornadas de espectáculos e actividades

Lugo será a capital da danza contemporánea universitaria durante dúas xornadas de espectáculos e actividades
Lugo será a capital da danza contemporánea universitaria durante dúas xornadas de espectáculos e actividades
Lugo Cultural promove o IX Encontro Universitario de Danza Contemporánea que se desenvolverá os días 13 e 14 de abril

O IX Encontro Universitario de Danza Contemporánea arrancará este mércores 13 de abril en Lugo. O evento reunirá os días 13 e 14 de abril ás Aulas de Danza das universidades Barcelona, Granada, A Coruña e Santiago de Compostela ademais da Compañía de Danza do bailarín Iago Anello e outras dúas independentes vinculadas a esta Universidade.

Mércores 13: Presente O presente e o futuro serán os auténticos protagonistas deste encontro organizado polo Espazo de Danza da USC, dirixido por Juan Carlos Zahera. A xornada do presente terá lugar este mércores 13 ás 20:30 horas na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial de Lugo, onde as distintas universidades, convidadas e anfitrioa, presentarán as súas producións. Os espectáculos Spam by me e Rede na Rede son unha alegoría das novas tecnoloxías e das redes sociais a través de coreografías contemporáneas e serán interpretados polos grupos de Granada e A Coruña respectivamente. As compañías da Autónoma de Barcelona e da USC achegarán ao público as montaxes Cambio de cambios e Empatía en cada caso. Xoves 14: Futuro O futuro chega ao Encontro con iniciativas como a exposición do proxecto de Formación en I+D+i aplicadas ás artes e novas tecnoloxías. Esta presentación desenvolverase na Sala de Prensa da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo o xoves 14 ás 11:00 horas. Xa pola tarde, a partires das 20:30 horas, novamente a Sala dos Mosaicos do MPL, albergará o broche final do Encontro coa posta en escena da Cía. de Iago Anello, das dúas formacións independentes que contan co apoio da USC e que amosarán creacións anovadoras e arriscadas ao tempo que incorporan disciplinas como a música en directo, e coa actuación da Compañía de Danza do Campus de Lugo. Dende a traxectoria do Espazo de Danza da USC en Lugo dende o estreo da primeira coreografía de creación en 1997, esta área cultural atópase nun momento de relanzamento dende a situación de plena consolidación. A apertura a toda a sociedade e o desenvolvemento de liñas de investigación e creación a arredor da danza contemporánea son algunhas das características máis notorias nos últimos anos. O Encontro Universitario de Danza Contemporánea, neste contexto, ten a finalidade de favorecer o intercambio cultural a través das propostas coreográficas das universidades participantes e achegar a danza ao público, entre outros obxectivos. Así se puxo de manifesto na presentación do Encontro impulsado grazas ao convenio Lugo Cultural impulsado pola USC, O Concello de Lugo, A Deputación de Lugo, a Xunta e Novacaixagalicia. O director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera, destacou a temática de presente e futuro deste evento e a importancia do desenvolvemento de experiencias de I+D+i en relación á danza contemporánea, facendo referencia ao proxecto pioneiro en Galicia en colaboración coa Fundación I2CAT, coordinado dende Cataluña e relacionado coas TIC e as industrias culturais. Por outro lado, neste afán de intercambio cultural, terán lugar actividades paralelas coma unha visita guiada polo arqueólogo Celso Rodríguez á exposición ‘A Domus do Mitreo’ destinada a que os participantes coñezan o patrimonio da cidade durante a súa estadía. Historia O Espazo de Danza da USC comezou a súa traxectoria da man do seu director, Juan Carlos Zahera, no ano 1997, co proxecto ‘A música en concerto coa imaxe e a danza’, no que se estreou a primeira coreografía de creación propia titulada ‘O Museo’. Dende entón, o Espazo de Danza abriuse á participación de toda comunidade universitaria, para facilitarlles o acceso ao mundo danza contemporánea, independentemente de que tivesen unha maior ou menor formación técnica. Ao longo dos seus catorce ano de traxectoria, producíronse 16 montaxes coreográficas e realizáronse 60 actuacións en festivais, seminarios, mostras e reunións científicas. Ademais, moitas das alumnas do espazo son hoxe bailarinas profesionais de referencia, tanto no ámbito autonómico como no nacional, traballando en compañías como grupo Introdans de Holanda, a Escola Superior de Danza da Lisboa ou o Centro Coreográfico de Galicia.

The contents of this page were updated on 04.12.2011.