Skip to main content

A comisaria europea de Axenda Dixital, XV Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia

A entrega do premio terá lugar durante a celebración do Consello Xeral do Grupo, en setembro na Universidade portuguesa do Minho

O Comité Executivo do Grupo Compostela de Universidades, reunido este luns no Colexio de San Xerome, fixo pública hoxe a decisión, tomada conxuntamente co Goberno galego, de outorgar o XV Premio Compostela-Xunta de Galicia a Neelie Kroes, vicepresidenta da Comisión Europea e Comisaria de Axenda Dixital, polo seu esforzo a prol da implementación das novas tecnoloxías da información e a comunicación, en particular internet, para que Europa consiga os retos da Estratexia 2020. Nativa dos Países Baixos, Neelie Kroes, ademais de contar cunha dilatada carreira na política do seu país (foi deputada no Parlamento Nacional e Ministra de Transportes, Obras Públicas e Telecomunicacións entre 1982 e 1989) e no ámbito internacional, ostentou postos directivos tanto no ámbito académico como presidenta da Universidade de Nyenrode como no empresarial (Lucent Technologies, Volvo e outras compañías). Destacou, así mesmo, para a súa selección como premiada, o seu traballo con fundacións caritativas, como conselleira da Nelson Mandela Children’s Fund e a World Cancer Research Fund. A entrega do premio terá lugar, como é habitual, no próximo Consello Xeral do Grupo, que se celebrará os días 9, 10 e 11 de setembro na Universidade de Minho (Braga, Portugal). O xurado deste ano estivo presidido polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, por delegación do presidente da Xunta de Galicia; o conselleiro de Cultura, Roberto Varela; e composto ademais polo presidente do Grupo Compostela de Universidades, Maurits van Rooijen; a reitora da Phillips-Universität Marburg (Alemaña), Katharina Krause; os reitores das universidades de Santiago e Vigo, Juan Casares e Salustiano Mato, respectivamente; e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro. Delegado na Fundación Galicia Europa Jean Pierre Roose, membro do Comité Executivo do Grupo Compostela reunido hoxe, ocupará a delegación permanente da asociación na capital belga, empregando as instalacións da sede da Fundación Galicia Europa. Os lazos de colaboración que se veñen establecendo dende hai meses entre ambas institucións fortalécense con esta medida que proporcionará un emprazamento estratéxico á rede universitaria e catalizará a realización de iniciativas conxuntas.

O Grupo Compostela comunicou a ratificación desta nova sede tras a reunión do seu comité executivo na que estiveron o presidente do Grupo, Maurits van Rooijen; a súa vicepresidenta, Laura Howard; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; a responsable da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade de Minho, Adriana Lago; a vicerreitora de Cooperación e Relacións Internacionais da Jaume I de Castelló, Inmaculada Fortanet; o director de Relacións Internacionais da Universidade de Oulu (Finlandia), Kimmo Kuortti; Marek Kreglewski, da Universidade polaca A. Mickiewick; e a secretaria do Grupo Compostela, Lucía Castro.

The contents of this page were updated on 05.16.2011.