Skip to main content

A I Conferencia Universidade 2.0 buscará definir a aplicación das TIC no escenario da educación superior

Programada para o 12 de maio, na xornada daranse cita representantes de universidades españolas, con especialistas e representantes de empresas como Pearson, Springer, Microsoft, Intel, Oracle ou...

Universidades, editoriais, produtores de software e especialistas en TIC aplicadas á educación reuniranse por vez primeira en Galicia para reflexionar sobre o presente e futuro da educación contemplada dende a perspectiva das tecnoloxías dixitais e a comunicación. ‘ Universidad 2.0. En busca da Innovación Educativa’ é o lema da conferencia na que se darán cita os especialistas co obxecto de compartir experiencias, inquietudes e definir a aplicación das TIC no escenario da educación superior, de xeito particular no uso de contidos e plataformas dixitais. O encontro vaise celebrar o vindeiro día 12 na Facultade de Ciencias da Comunicación, utilizando no seu desenvolvemento novas ferramentas dixitais, como un atril ou unha pizarra dixital interactiva. Ademais, xunto coas conferencias desenvolveranse mesas redondas que permitirán o debate e a análise de casos de éxito no eido da educación e as TIC. Respecto destas novas ferramentas, os organizadores destacan que tanto o atril interactivo Smart Podium como a pizarra dixital Smart Board achegarán ao proceso docente unha maior flexibilidade no desenvolvemento das clases ao permitir escribir notas e diagramas no mesmo momento, cunha boa visibilidade e recoñecemento táctil. Os promotores desta iniciativa apuntan que Universidade 2.0 é o único evento de novas tecnoloxías no ensino superior galego que agrupa o coñecemento achegado por parte das editoriais, coas tecnoloxías e coas institucións universitarias de Galicia, entendidas como transmisoras de coñecemento. No desenvolvemento do programa, participarán representantes de editoriais como Pearson, Springer, Elsevier, Meubook, Netex e Netbiblo; empresas tecnolóxicas como Microsoft, Intel, Google, Oracle, Smart Technologies e Crambo Visuales; así como centros de educación superior e universidades. Desenvolvendo o propio obxectivo da conferencia, na xornada programada poderanse avaliar as aplicacións prácticas do uso das tecnoloxías mediante a utilización dunha pizarra e un atril interactivos. Este mesmo será o eixo dun dos casos de éxito mostrados, no que representantes da Universitat Rovira i Virgili exporán as súas experiencias neste eido. As persoas interesadas poden inscribirse gratuitamente nos obradoiros programados, ademais de que a conferencia difundiranse vía Streamming e pola rede Twitter co obxecto de interactuar cos asistentes virtuais.

The contents of this page were updated on 05.06.2011.