A exposición coas mellores imaxes do II Certame ‘Ruth Matilda Anderson’ da USC abrirá as súas portas en Ciencias da Comunicación
A mostra que recolle as mellores fotografías presentadas ao II Certame ‘Ruth Matilda Anderson’ inicia dende este luns 9 un periplo que a levará dende a Aula de Cultura da Fundación Novacaixagalicia ata a Facultade de Ciencias da Comunicación, onde se poderá visitar ata o próximo 15 de maio. Deseguido, os seus próximos destinos serán a Facultade de Xeografía e Historia (do 16 ao 22 de maio), a Biblioteca Concepción Arenal (do 23 de maio ao 5 de xuño) e a Biblioteca Intercentros de Lugo (do 6 ao 27 de xuño) Conforman o contido da exposición os vinte e cinco mellores traballos fotográficos que participaron no II Certame ‘Ruth Matilda Anderson’, promovido pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC. Entre as imaxes expostas atópanse as tres gañadoras deste segundo certame de fotografía. A primeira delas, da que é autor Marcos Fernández Blanco co titulada Vacina, utilizarase como cartel conmemorativo do Día Internacional da Muller Traballadora en 2012 pola USC. O segundo galardón recaeu en Rodrigo Díaz López pola imaxe Casero; mentres que o terceiro foi para José Manuel Pérez Pena por Burka. O concurso ten como obxectivo promover a igualdade dentro e fóra da comunidade universitaria, buscando sacar á luz traballos que realizan as mulleres e contribuíndo, na medida do posible, de deconstruír os estereotipos existentes acerca dos traballos que son propios das mulleres e os que o son dos homes. Deste xeito, a iniciativa contribúe a realización de dúas accións recollidas no Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC 2009-2011 como son a promoción da elección de especializacións non baseadas en estereotipos de xénero e a celebración do Día Internacional da Muller Traballadora. O Certame toma o nome dunha muller que realizou un traballo importante nun campo desenvolvido tradicionalmente por homes, deixando ademais como herdanza unha obra destacable na que se inclúe o retrato que realizou da muller galega dos anos 20 a través da súa particular mirada.