Skip to main content

Futuros veterinarios percorren Galicia esta semana para explicar a súa profesión

Lugo, A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo e Ourense seráns as cidades da campaña

A Facultade de Veterinaria de Lugo celebra, como cada ano, a Semana Veterinaria Europea en estreita colaboración coa Dirección Xeral de Sanidade e Consumidores (SANCO) da Unión Europea. O programa do centro lugués desenvólvese dende este luns 9 ata o domingo 15 co apoio dos catro colexios veterinarios galegos. Aproveitando o marco do Ano Veterinario Mundial 2011, o estudantado da Facultade informará aos cidadáns sobre a multitude de funcións que levan a cabo os profesionais veterinarios na sociedade actual como son o manexo e benestar animal, a conservación de especies e do medio ambiente, a sanidade animal, a especialidade clínica en grandes e pequenos animais e exóticos e a seguridade alimentaria. Esta campaña, na que os estudantes atenderán ademais as posibles preguntas e curiosidades do público, iniciouse este luns en Lugo, na Praza Maior. Cun horario de 11 a 14 e de 16 a 19 horas, o programa continuará o martes na Coruña, o mércores na Praza do Toural de Santiago, o xoves na praza pontevedresa da Peregrina, o venres na rúa Príncipe de Vigo e o sábado na esquina da Rúa da Concordia ourensá. A campaña remata o domingo, de 17 a 20 horas, na Praza Maior de Lugo.

The contents of this page were updated on 05.09.2011.