Clausura do Máster en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade
O profesor da Escola Normal Superior de Pisa Paul Zanker pronuncia este venres 13 a conferencia de clausura do Máster en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade. A partir das 11:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía e coa presenza da vicerreitora de Grao e Posgrao, Eva Castro, a conferencia leva por título ‘L’arco di Constantino come monumento del Senato’. Catedrático de Arqueoloxía Clásica nas universidades de Gotinga (1972-1976) e Munich (1976-2002), desde 2002 o é de Historia da Arte Antiga na Scuola Normale Superiore de Pisa. Membro da Academia bávara de Ciencias, da Academia británica, da Academia Europea de Londres e da Real Academia de Dinamarca, é ademais Doutor honoris causa pola universidade de Londres (Courtlaud Institut). Foi visiting fellow do Institute for Advanced Study in Princeton (1981), do Wolfson College in Oxford (1985), da American Academy de Roma, do Wissenschaftskolleg de Berlin (1994) e de All Souls College (Oxford), así como conferenciante nas universidades de Michigan en Ann Arbor (Jerome Lectures), na de Berkeley (Sather Lectures) e na American Academy de Roma. Os seus ámbitos de interese refírense á arte e á cultura do helenismo e da idade imperial, entendéndoos como elementos de procesos políticos e sociais.