A estudante da EPS Alicia Cañizares gaña o segundo premio na convocatoria nacional para proxectos fin de carreira de Enxeñaría Técnica en Topografía
A estudante da Escola Politécnica Superior de Lugo Alicia Cañizares Sánchez acadou o segundo premio da décima edición dos galardóns nacionais ‘San Isidoro’ para proxectos fin de carreira de Enxeñaría Técnica Topográfica que outorga o Colexio Oficial (COITT). Cañizares conseguiu o galardón tras competir con traballos presentados desde todos os centros universitarios nos que se imparte a titulación en España. O proxecto da alumna da USC, dirixido pola profesora de Enxeñaría Agroforestal María J. Iniesto Alba, leva por título ‘Estudo xeométrico de deformacións con apoio da tecnoloxía láser escáner. Aplicación á Muralla Romana de Lugo’. Ambas as dúas recibiron os seus recoñecementos en Madrid durante os actos de celebración da festividade de San Isidoro de Sevilla, patrón dos enxeñeiros técnicos en Topografía.