Skip to main content

Unha investigación da USC estuda a aptitude da madeira de carballo galego para a fabricación de barricas para a crianza de viños

O venres, 1 de xullo, en Monforte de Lemos ten lugar a primeira cata do viño mencía de 2009 con crianza en barrica de carballo galego

Un equipo de investigación da Escola Politécnica Superior de Lugo, en colaboración coa Universidade de Castela A Mancha, estudou a aptitude da madeira de carballo galego (Quercus robur L.) para a fabricación de barricas para a crianza de viños. Da investigación resultou un viño do ano 2009 da variedade mencía que este venres, 1 de xullo, se catará por vez primeira no Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos. A investigación, titulada ‘Selección de indicadores químicos e forestais da calidade das madeiras de carballo e castiñeiro para a industria enolóxica’ e financiada pola Comisión Interministerial de Ciencia e Tecnoloxía do Ministerio de Educación e Ciencia, realizouna o grupo que coordina o profesor Ignacio J. Díaz-Maroto Hidalgo en colaboración co Laboratorio de Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade de Castela A Mancha dirixido por Marisol Pérez Coello. O proxecto comezou en 2008 coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe de Valdeorras e a Adega Algueira da D.O. Ribeira Sacra. Na cata, que será ás 20.00 horas, os investigadores aproveitarán para explicar algunhas das conclusións ás que chegaron logo de estudar os posibles usos enolóxicos do carballo, unha especie que o grupo da USC leva estudando cerca de 20 anos, dende seus aspectos ecolóxicos ata as características físicas e mecánicas da súa madeira.

The contents of this page were updated on 06.30.2011.