Skip to main content

O catedrático Carlos Pajares será investido doutor honoris causa este venres pola Universidade Técnica de Lisboa

O catedrático Carlos Pajares Vales será investido este venres 3 de xuño doutor honoris causa pola Universidade Técnica de Lisboa, a proposta do Instituto Superior Técnico de Lisboa, en recoñecemento ao seu labor investigador en Física de Partículas e en concreto pola súa estreita colaboración co desenvolvemento da investigación en Portugal no eido da Física. O nomeamento coincide ademais co primeiro centenario da creación desta institución universitaria. No acto de investidura, que comezará ás 15:00 horas (hora portuguesa) na sede do Instituto Superior Técnico de Lisboa, o profesor Pajares estará acompañado polo reitor Juan Casares, polo alcalde en funcións do Concello de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e polo decano da Facultade de Física, Luis Miguel Varela Cabo. O nomeamento do catedrático da USC produciuse o pasado mes de maio de xeito conxunto co do arquitecto italiano Renzo Piano, coautor entre outros edificios do Centro Pompidou, o aeroporto internacional de Osaka ou a transformación de fábrica de Fiat en Turín; o do director do Departamento de Enxeñaría Eléctrica do Massachussetts Institute of Technology (MIT), Michael Athans; e o enxeñeiro portugués Manuel Ferreira de Oliveira, presidente da compañía Galp.

The contents of this page were updated on 06.01.2011.